NACIONALISMO

O BNG organiza un acto para dar a coñecer a vinculación dos Mártires de Carral co nacemento do nacionalismo e con Compostela

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE CARRAL
HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE CARRAL

Será o martes 25 de abril ás 19:00 horas na praza de San Martiño Pinario

O BNG organiza un acto para dar a coñecer a vinculación dos Mártires de Carral co nacemento do nacionalismo e con Compostela

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2017.- O BNG organiza un acto público de homenaxe aos Mártires de Carral co obxectivo de dar a coñecer a vinculación da revolución de 1846 con Santiago de Compostela e cos albores do nacionalismo galego. Ademais da presentación a cargo de Goretti Sanmartín Rei e das intervencións de carácter histórico, por Encarna Otero, e político, por Rubén Cela, un grupo de música tradicional amenizará o evento e distribuirase un tríptico informativo.

Así, lembrarase como en abril de 1846 o exército do xeneral Concha enviado polo Goberno español para sufocar o levantamento comeza o ataque en Santiago de Compostela sobre as casas ocupadas. Nos días anteriores, os presidentes das Xuntas de Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra reuníranse na cidade cos representantes do exército Solís e Rubín. Iso deu pé a constituír dous corpos militares e a Xunta Superior do Goberno de Galiza para, o 15 de abril de 1846, publicar a proclama elaborada por Antolín Faraldo na que expresa que "Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento".

A rúa das Trompas e o Hórreo foron escenarios da batalla que avantaxaron os revolucionarios até que esgotaron as municións. Mentres os xenerais Velasco e Buceta querían retirar as tropas ao Monte Pedroso, Solís optou por refuxiar 2.000 persoas no mosteiro de San Martiño Pinario, onde levaron tamén o arcebispo Rafael Vélez. Entre eles estaban 300 estudantes e voluntariado civil.

Solís solicitou un armisticio mediante o arcebispo que foi rexeitado polo bando español. Os revolucionarios entregaron as armas; uns marcharon a Portugal e Solís foi apreixado nas escaleiras de San Martiño Pinario xunto con 60 oficiais, que serán xulgados por un tribunal militar e fusilados para aplacar a poboación disposta a continuar coa rebelión pola liberación do país. Convértense así nos Mártires de Carral.

Con este acto quérese tamén recuperar a memoria do pobo galego, co fin de proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións que deron a súa vida á causa da liberación nacional de Galiza.