DESPEXO

O BNG considera que actuación policial foi desmesurada e sen diálogo para a resolución do conflito do CSOA Escárnio e Maldizer

Cualifica de improcedente a batalla campal que se viviu no marco da manifestación e estima que era evitábel

O BNG considera que actuación policial foi desmesurada e sen diálogo para a resolución do conflito do CSOA Escárnio e Maldizer

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2017.- O BNG de Santiago, ao abeiro da mobilización producida tras o despexo do CSOA Escárnio e Maldizer na Algalia de Arriba, manifesta que non lle consta ningunha queixa nin da veciñanza nin do pequeno comercio lindeiro a respecto a actividade e convivencia co centro Escárnio e Maldizer. Mais ben, todo o contrario. O centro era coñecido e recoñecido por unha importante actividade de tipo cultural e social realizado ao longo dos tres últimos anos.

Considera o BNG que o desaloxo do inmóbel se produciu cunha actuación policial desmesurada sen que se esgotasen previamente outras vías de diálogo para a resolución do conflito.

Por iso é totalmente inaceptábel o tapiado realizado con bloques de formigón nun edificio catalogado e pertencente a un conxunto declarado Patrimonio da Humanidade e rexido por unha normativa que se lle aplica ao conxunto da veciñanza recollida no Plan Especial da Cidade Histórica, tremendamente estrita a este respecto.

Logo do despexo, o martes 30 de maio, moitas veciñas e veciños de Santiago quixeron amosar a repulsa polo despexo realizado esa mañá e o apoio a iniciativas sociais e culturais que poidan xurdir da propia veciñanza.

Ao BNG parécelle improcedente e lamentábel a batalla campal que se viviu no marco desa manifestación, cunha actuación policial absolutamente desproporcionada e cun uso indiscriminado de porras e escopetas de pelotas de goma que deixou un regueiro de persoas feridas. Ademais, lamenta as actuacións individuais e illadas que romperon o proceder pacífico da manifestación.

A situación vivida onte nas rúas da Cidade Histórica non se corresponde cunha cidade que se por algo se caracteriza é polo respecto, a convivencia e o seu carácter pacífico e que a auténtica e que a batalla campal vivida era perfectamente evitábel.

Para o BNG, parece un feito condenábel que non houbese ningunha comunicación da Delegación do Goberno ao Concello de Santiago das actuacións que ían realizar.