SENTENZA

O BNG pregunta pola folla de ruta da ORA e do guindastre que, ademais da sentenza, conclúe o prazo máximo do contrato

“Utilizar como escusa o proceso de municipalización para non executar unha sentenza ten unhas responsabilidades”, afirma Rubén Cela

O BNG pregunta pola folla de ruta da ORA e do guindastre que, ademais da sentenza, conclúe o prazo máximo do contrato

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2017.- Rubén Cela manifestou a preocupación do grupo municipal do BNG sobre o futuro inmediato do servizo da ORA e do guindastre, pois dende a entrada no Goberno de Compostela Aberta prorrogouse en catro ocasións (outubro de 2015, xuño, xullo e outubro de 2016) e o prazo máximo do contrato remata este mes.

“Este contrato tiña unha vixencia máxima de 5 anos e fora asinado o 31 de xaneiro de 2012, polo que expira o 31 de xaneiro de 2017 co remate da última prórroga, problema que se suma á sentenza pola que a actual concesionaria non pode seguir a prestar este servizo da ORA e do guindastre”, explicou. “Non nos parece algo menor cando está presentado en sede xudicial, por parte da empresa que quedara de segunda no concurso, un incidente de execución da sentenza”, sinalou Rubén Cela.

Polo tanto, o BNG quere coñecer a folla de ruta do Goberno municipal sobre a ORA e o guindastre, pois houbo unha reunión o 26 de decembro para tratar a asunción directa deste servizo mais non houbo novas sobre esa comisión. Ademais, advertiu das repercusións xurídicas no tema das sancións que poña a empresa.

“O Goberno municipal comete un erro de vulto ao vincular dúas cuestións independentes como a execución dunha sentenza xudicial e a vontade política de municipalizar un servizo externalizado, coa que estamos totalmente de acordo”, afirmou.

Así, puxo como exemplo o Concello de Lugo, que realizou unha interpretación distinta do de Santiago ao entender que non era un servizo básico e decidiu que, para executar a sentenza, mentres non se solucionaba o problema, a cidade non tivese servizo de ORA. Ademais afirmou que “utilizar como escusa que se está nun proceso de municipalización para non executar unha sentenza ten unhas responsabilidades e o BNG, por activa e por pasiva, advertiu que iso non se podía resolver con prórrogas como se fixo”.

O BNG pregunta pola folla de ruta da ORA e do guindastre que, ademais da sentenza, conclúe o prazo máximo do contrato