REMODELACIÓN

O alcalde tiña unha oportunidade de ouro para corrixir o mal funcionamento do Goberno de Compostela Aberta

Noriega comprometérase co persoal municipal a suprimir as direccións de área

O alcalde tiña unha oportunidade de ouro para corrixir o mal funcionamento do Goberno de Compostela Aberta

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha primeira valoración da “seudo-remodelación” do Goberno local, como definiu. “Estes cambios igual lle van vir ben a Compostela Aberta mais non supoñen ningún cambio substantivo para o concello nesta recta final de mandato, o que é unha oportunidade perdida”, engadiu.

Os cambios consisten en “quitarlle as obras a Jorge Duarte, quitar de diante a unha técnica de Urbanismo molesta para este Goberno municipal e traer un novo director de área de fóra e de confianza política de Compostela Aberta”, afirmou.

Hai unha serie de áreas onde se fai “rematadamente mal e o alcalde como director de orquestra tiña unha ocasión de ouro para corrixir algunhas cousas” do mal funcionamento do Goberno de Compostela Aberta. Referiuse así á área de Persoal, “cunha concelleira que non exerce, pois non hai interlocución cos traballadores e traballadoras nin cos representantes sindicais”, indicou.

Cuestionou tamén que non se fixesen cambios na área de Educación, pois o seu responsábel “non é competente para xestionar comedores escolares ou contratos de escolas infantís” e o alcalde tiña unha ocasión extraordinaria.

Este anuncio demostra tamén a reafirmación no incumprimento dunha promesa electoral realizada nun debate co persoal municipal en campaña, onde se comprometeu á supresión do 100% das direccións de área. “Hoxe anunciou que cubrirán cunha persoa externa a dirección de área vacante seguindo a mesma liña que o PP”, explicou.

A este Goberno facíalle falta ter “un modelo de cidade” e “unha folla de ruta clara das prioridades para a cidade”, ademais de facer unha reestruturación interna posto que “dous anos despois seguen coa mesma que a do PP e con departamentos que son un auténtico caos e colapso”, como son o de Urbanismo e Intervención, ademais de non crear un servizo para controlar as empresas concesionarias. “Reestruturar non é mudar unha persoa porque resulte incómoda ou molesta”, indicou en relación coa xefa de Servizo de Licenzas e Disciplina urbanística. Cómpre facer mudanzas no cadro de persoal para remodelar departamentos que teñen maior carga de traballo co fin de dar resposta ás necesidades da veciñanza, concluíu.