A ANPA de Vite asiste á comisión parlamentar onde o BNG requirirá o persoal necesario

A ANPA de Vite asiste á comisión parlamentar onde o BNG requirirá o persoal necesario

Ana Pontón insta á Xunta a abandonar a política de recortes do ensino público e a priorizar o dereito de todos os nenos e nenas a teren unha atención de calidade

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015.- Unha representación da ANPA do CEIP de Vite asiste esta tarde á Comisión IV de Educación e Cultura do Parlamento, prevista para as 18:00 horas, para seguir a pregunta da deputada do BNG Ana Pontón sobre as previsións do Goberno galego respecto da dotación deste centro co profesorado necesario para atender o alumnado con necesidades educativas especiais.

No texto da pregunta, explícase que estas demandas están fundamentadas na carencia de profesorado docente e específico, unha merma e recortes que están afectando xustamente a aqueles menores que teñen máis necesidades e que precisan persoal de apoio.

“Resulta dramático que se estea a xogar coa educación dos nosos nenos e nenas e que se degrade un dos principios básicos como é a integración e a igualdade”, explicou Ana Pontón, “co agravante de que este centro se usa pola Consellaría de Educación como centro referente de persoal con diversidade funcional, mais despois non se dota do persoal preciso”.

Así, para o BNG urxe abandonar por parte da Xunta a política de recortes do ensino público e priorizar o dereito de todos os nenos e nenas a teren unha atención de calidade, indicou.

Na iniciativa rexistrada pola deputada nacionalista requírese unha valoración da Xunta de Galiza das deficiencias que se rexistran no CEIP de Vite I, así como saber as razóns levan o Goberno galego a desatender as necesidades educativas deste centro. Pregunta tamén se ten previsto a Xunta de Galiza dotar de máis coidadores este centro, así como dun PT a tempo completo para atender as necesidades educativas especiais do alumnado.

A ANPA de Vite asiste á comisión parlamentar onde o BNG requirirá o persoal necesario