PLENO

Iniciativas do BNG no Pleno de decembro de 2017

Aprobada unha iniciativa do BNG para impulsar unha moratoria até 2030 contra a expansión do eucalipto en Compostela

Iniciativas do BNG no Pleno de decembro de 2017

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017.- O BNG conseguiu o apoio para impulsar unha moratoria que prohiba novas plantacións de eucalipto até 2030, ademais dun plan de axudas e asesoramento para pór especies frondosas caducifolias e árbores froiteiras. Na proposición, defendida por Goretti Sanmartín Rei, incluíronse contidos da normativa de prevención de incendios para a eliminación de eucaliptos próximos a núcleos de poboación, rede viaria e canles fluviais.

Requiriuse tamén o apoio da Corporación para o rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira no Concello de Touro. Trátase dun proxecto de megaminería a ceo aberto que ocupará unha extensión de 689 ha, dos que só o 30% son terreos xa afectados pola explotación anterior e vai prexudicar case 500 ha de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias, ademais de ter un forte impacto ambiental, na saúde e no plano económico. Ao abeiro desta moción, interveu no Pleno un representante da “Plataforma veciñal mina Touro – O Pino Non”. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP.

Rubén Cela presentou outra das mocións relativa á suba das peaxes na autoestrada AP-9 que repercutirá de xeito negativo na economía local de Santiago de Compostela porque hai milleiros de veciños e veciñas que se desprazan a diario a Vigo, Pontevedra e A Coruña por motivos de traballo. O Goberno do Estado, a través do Ministerio de Fomento, acaba de autorizarlle a Audasa unha subida extraordinaria durante os próximos 3 anos do 3,8% para todos os tramos da AP-9, que vén representar o dobre do IPC. Deste xeito, o Pleno acordou manifestar o rexeitamento á suba das peaxes na AP-9, instando á Xunta de Galiza a que demande a súa supresión e que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia desta autoestrada á administración galega. Aprobouse co voto en contra do PP.

A formación nacionalista trasladou á sesión plenaria as demandas da asociación do barrio da Almáciga sobre a falta de iluminación e a necesidade de fixar os contedores para evitar problemas de seguranza viaria. Outro dos rogos foi encamiñado a que se proceda á iluminación, canalización da auga estancada e retirada de material de obra da zona do aparcadoiro do Hospital de Conxo.

Noutra iniciativa requiriuse que se proceda a modificar a Ordenanza xeral reguladora de convivencia, residuos e limpeza viaria e mais a Ordenanza municipal reguladora da publicidade e rotulación para permitir a colocación de carteis en Santiago de Compostela co fin de favorecer a difusión de eventos sociais, culturais e políticos así como a liberdade de expresión. Reclamouse tamén que se habiliten os paneis de comunicación social aos que se comprometeu o Goberno local na negociación dos Orzamentos 2017 e se garanta que as empresas destinen os paneis de obra para este fin, ante a vaga de propostas de sanción por colocar carteis en Santiago de Compostela, tanto na zona vella como na zona nova.

Ademais, o BNG formulou unha pregunta oral para coñecer como vai transitar o autobús urbano pola rúa do Pino, coa remodelación de liñas anunciada, debido ao escaso espazo existente na actualidade para circular por esa vía.

Iniciativas do BNG no Pleno de decembro de 2017