PLENO

Aprobada a proposta do BNG para abrir ao público espazos rehabilitados polo Consorcio

Produciuse, de xeito formal, o cambio da portavocía municipal do grupo nacionalista ao tomar Goretti Sanmartín Rei o relevo de Rubén Cela

Aprobada a proposta do BNG para abrir ao público espazos rehabilitados polo Consorcio

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2018.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de xullo unha proposta co fin de iniciar as xestións oportunas para facilitar as visitas aos espazos, edificios, monumentos e xardíns que contaron con axudas públicas e para instar ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela a que as futuras rehabilitacións se condicionen a acordos de apertura, ademais de explorar a posibilidade de asignarlles novos usos para desenvolver actividades sociais nos que estean infrautilizados. A proposta do BNG introduciuse como emenda noutra proposición do PP e foi aprobada, deste xeito, por unanimidade.

Neste Pleno tamén se produciu, de xeito formal, o cambio da portavocía municipal do grupo nacionalista ao tomar Goretti Sanmartín Rei o relevo de Rubén Cela.

O BNG introduciu unha emenda á proposta da Alcaldía de Compostela Aberta que levará ao Pleno de xullo en relación cos títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago para 2018 para incluír nomes de mulleres nas rúas de Santiago, "unha reivindicación que vimos defendendo desde hai tempo e que aínda non se levou á práctica", explicou Goretti Sanmartín Rei. "Para alén da denominacion de Parque Begoña Caamaño para o parque das Fontiñas, queremos que as rúas se Compostela incorporen nomes como os de Rosa Bassave, Concha Castroviejo, Elena Marcu, María Tobío, Mari Luz Morales, Pepa Noia e as Nais da Praza de Maio", indicou.

Unha das mocións do BNG foi destinada a que o Concello de Santiago de Compostela mellore os accesos, sinalización e difusión do petróglifo do Castriño de Conxo, ademais de incluílo na programación de visitas escolares.

O BNG defendeu ademais unha moción para declarar persoas non gratas en Santiago de Compostela os membros da Manada José Ángel Prenda Martínez, Alfonso Jesús Cabezolo Entrena, Jesús Escudero Domínguez, Ángel Boza Florido e Antonio Manuel Guerrero Escudero, ademais de darlle traslado do acordo plenario á representación legal da vítima que sexa coñecedora do apoio amosado.

Noutra das iniciativas, Goretti Sanmartín reclamou que o Goberno local encargue este ano o proxecto para incluír nos Orzamentos de 2019 a reurbanización, humanización e ordenación do tráfico da zona da avenida de Salamanca, da avenida de Coímbra, da rúa Oviedo e rúa Ultreia.

Reclamou tamén que o Goberno municipal se responsabilice de fornecer alimentación, refuxio, atención veterinaria e protección ás aves introducidas no parque do Auditorio de Galiza, ademais de manter en boas condicións o estanque e a súa contorna.

Outra das propostas foi para abrir unha investigación para determinar as causas que motivaron a vertedura contaminante no Sar, producida no transcurso seguinte á piscina municipal, para analizar a calidade das augas neste punto e para comprobar os danos causados á flora e á fauna. Faise necesario tamén que se adopten as medidas necesarias para corrixir este problema e reducir as posibilidades de que isto volva acontecer, segundo recolle a iniciativa.

No apartado de preguntas orais, inquiriuse sobre a necesidade de ampliar a beirarrúa da praza de Galiza que está ocupada por un panel de obra dunha tenda de roupa e destinalo á comunicación social, tal como está aprobado en sesión plenaria.

Outra interpelación foi para saber cando ten pensado o grupo de goberno publicar a listaxe trimestral dos contratos menores, que non figuran na web municipal, tal como indica a nova Lei de Contratos do Sector Público.

A terceira pregunta oral foi para coñecer que estudos ou avaliacións previas se fixeron sobre a afectación aos edificios da avenida de Ferrol ante os traballos previstos do acondicionamento do aparcadoiro, posto que sentiron fortes vibracións no interior das súas vivendas mentres se realizaban os traballos de acondicionamento.