PLENO

Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para arranxar as deficiencias detectadas nos autobuses urbanos

A formación nacionalista reclamou tamén que se adopte un protocolo de supervisión das obras novas en materia de accesibilidade e seguranza viaria

Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para arranxar as deficiencias detectadas nos autobuses urbanos

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018.- O BNG trasladou ao Pleno de xaneiro unha iniciativa para arranxar, no prazo de tres meses, as 325 deficiencias detectadas nun informe pericial en 41 autobuses urbanos de Santiago de Compostela ao considerar prioritaria a seguranza das persoas condutoras e usuarias do transporte público. Pese a que o novo servizo está en proceso de licitación, para o BNG estas eivas nos autobuses non poden agardar á renovación prevista da flota. Esta proposición foi aprobada por unanimidade cunha emenda de adición do PP para realizar, no prazo dun mes, un novo informe que actualice os datos do informe pericial.

Ademais de carencias de accesibilidade, os autobuses teñen perdas de aceite do motor, falta de espellos, rodas gastadas e problemas de freos. Dende abril de 2017, data do informe, só foron substituídos 5 vehículos por outros de segunda man, que requiren o mesmo mantemento que non se fai por parte da empresa concesionaria.

Na análise especificáronse tamén a falta de dispoñibilidade de espellos que lle eviten á persoa condutora os ángulos mortos do exterior do vehículo, espellos interiores que permitan o control de pasaxeiros, ramplas para persoas con discapacidade e diversos elementos de seguranza. Dez autobuses urbanos carecen de rampla para persoas con discapacidade, 21 teñen rampla manual que non se pode utilizar sen a axuda dunha persoa acompañante da que ten discapacidade e tan só 10 automática, que tamén ten dificultade porque as beirarrúas non están adaptadas, segundo consta no informe.

Ademais, o BNG reclamou que o Goberno de Compostela Aberta atenda as peticións veciñais para podar as árbores ornamentais das beirarrúas con polas que entran polas xanelas dalgúns edificios, baten nas fachadas e mesmo chegan a entrelazarse co tendido eléctrico, nalgúns casos. En concreto, o grupo municipal nacionalista recibiu queixas da veciñanza da rúa do Home Santo, polos problemas que causan as árbores que soben polos edificios porque non se procedeu á corta que precisan cada ano. O Goberno local afirmou que xa está en marcha un plan de podas.

Noutra das iniciativas, o BNG advertiulle ao Goberno local de Compostela Aberta que debe revisar as obras en materia de seguranza e accesibilidade para evitar chapuzas como a da pasarela sobre a vía do tren de San Marcos, nun tramo do Camiño de Santiago. Así, reclamou que se adopte un protocolo de supervisión das obras novas en materia de accesibilidade e seguranza viaria e, tanto no caso de que sexan municipais como doutras administracións, se lles obrigue ás empresas adxudicatarias a entregalas de acordo á normativa de eliminación de barreiras arquitectónicas. O Goberno local comprometeuse a darlle traslado a Fomento das deficiencias desta obra.

Unha pregunta oral foi destinada á necesidade de arranxar as filtracións de auga na pista de xogo do pavillón do Restollal, que mesmo obrigaron a suspender varios partidos de fútbol-sala polo perigo que supón para os xogadores. O Goberno local recoñece estas deficiencias en diversos pavillóns deportivos da cidade e anuncia que encaragará "unha memoria para solucionar as inundacións".

Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para arranxar as deficiencias detectadas nos autobuses urbanos