PLENO

Aprobada por unanimidade a proposición do BNG para organizar o departamento de Urbanismo co fin de axilizar as licenzas

O BNG chegou a acordo cos demais grupos para converter en declaración institucional a moción destinada a reclamar unha partida para a Escola Oficial de Idiomas nos Orzamentos da Xunta

Aprobada por unanimidade a proposición do BNG para organizar o departamento de Urbanismo co fin de axilizar as licenzas

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha iniciativa para axilizar a tramitación de licenzas de Urbanismo co fin de pór en marcha un plan de choque con medidas resolutivas para axilizar os procedementos e atallar os atrasos acumulados que están a causar graves prexuízos á economía local. Aprobouse por unanimidade.

Unha das mocións do BNG foi destinada a que o Concello de Santiago impulse que se realice “un plan de actuación global, plurianual e interadministrativo” para a dotación de prazas de escolas infantís públicas, tendo en conta a proxección demográfica de Santiago de Compostela, co fin de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, a programación educativa en galego e a xustiza social, con garantía de acceso ás familias con rendas máis baixas e en situación de especial dificultade, segundo recolle o acordo da iniciativa. Aprobouse por unanimidade.

O BNG chegou a acordo cos demais grupos para converter en declaración institucional a  moción destinada a reclamar unha partida para a Escola Oficial de Idiomas nos Orzamentos da Xunta, co fin de que o Concello de Santiago esixa que se execute o acordo para construír as novas instalacións. Na mesma incluíuse ademais que o Concello de Santiago arranxe, de urxencia, o aparcadoiro e pinte un novo paso de peóns para mellorar os accesos e a seguridade viaria no edificio actual da Escola Oficial de Idiomas.

Na iniciativa relativa a adoptar acordos e compromisos firmes en relación á violencia de xénero, o BNG defendeu, entre outras, instar á Xunta de Galiza a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade polo Pleno do Parlamento Galego o 25 de xaneiro de 2017, a comezar por destinar o 1% do Orzamentos para 2018 á prevención e loita contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres. Ademais, requiriu comprometer o apoio da Corporación ás mobilizacións locais e nacionais que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista os 365 días do ano. Aprobouse coa abstención do PP.

Ademais, o BNG trasladou unha moción de urxencia para que o Goberno galego adopte medidas co fin de evitar unha nova vaga de incendios forestais. Así, reclamou instar á Xunta de Galiza a que realice, de xeito consensuado coas restantes forzas políticas e axentes sectoriais e sociais implicados, as modificacións lexislativas necesarias para a posta en valor do solo forestal e regule adecuadamente os problemas estruturais a nivel de ordenación do espazo rural e de medidas preventivas. Ademais de instar á Xunta de Galiza a establecer un único protocolo de emerxencias a nivel nacional que evite a descoordinación e a dispersión xeográfica e de mandos, entre outros puntos recollido na proposta de acordo. Aprobouse co voto en contra do PP.

Trasladou un rogo para que o Concello de Santiago de Compostela proceda, de urxencia, ao arranxo de zonas danadas para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e transitan por Xoán XXIII e Os Pelamios, que presentan un descoidado aspecto por falta de mantemento no relativo á eliminación de vexetación dos alcorques, lousas levantadas nas beirarrúas, bordos coas esquinas rotas, sucidade e fochancas. O Goberno local compromeuse a arranxalo.

Presentou tamén unha pregunta oral para coñecer cando ten previsto o Goberno local arranxar a beirarrúa de Ulpiano Vilanueva, en Vite, que quedou intransitábel logo de que ardesen varios contedores de residuos hai dous meses. O Goberno local comprometeuse a arranxala.

No Pleno reclamou ademais que o departamento de Deportes mellore a planificación de usos dos centros deportivos municipais e axilice a distribución de espazos e horarios para que as entidades e particulares poidan organizar as súas actividades. O Goberno local expresou que ten dificultades para coordinar eses horarios, aínda que intentarán mellorar para o vindeiro curso.

Aprobada por unanimidade a proposición do BNG para organizar o departamento de Urbanismo co fin de axilizar as licenzas