PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para potenciar o comercio de proximidade con actividades, conciliación e facilidades para aparcar

Traslada unha moción para dinamizar o mercado de alugueiro e desenvolver o proxecto de vivenda para xente nova na parcela de Xoán XXIII
Apróbase a iniciativa do BNG para potenciar o comercio de proximidade con actividades, conciliación e facilidades para aparcar

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno ordinario de outubro unha proposición, que foi aprobada por unanimidade, para impulsar o comercio de proximidade, a comezar polas compras de Nadal e carácter plurianual, que inclúe actividades promocionais, servizos de conciliación e facilidades para aparcamento.

Esta campaña integra actividades de difusión de produtos do comercio de proximidade coa edición dun catálogo de distribución gratuíta, servizos de conciliación no Centro Sociocultural do Ensanche e noutros lugares descentralizados por barrios para deixar nenos e nenas mentres se fan compras e tamén dar facilidades con vales desconto nos aparcadoiros, ademais de abrir novas zonas para deixar os vehículos, segundo explicou Goretti Sanmartín no Pleno.

Aprobouse tamén por unanimidade a iniciativa do BNG, cunha emenda transacional do PP, para crear o “Centro de Fotografía e Imaxe” en Santiago de Compostela que sirva como punto de referencia para arquivar, investigar e difundir este patrimonio.

O BNG defendeu unha moción para adoptar medidas destinadas a dinamizar o mercado de alugueiro para todo o ano en Santiago, entre as que destaca que o Consorcio abra novas liñas de axudas para a rehabilitación de vivendas con destino a uso residencial de primeira ocupación ou ao alugueiro, cunha cláusula que evite o uso para destino turístico. A moción inclúe que se retomen as accións previstas na Ordenanza do Rexistro municipal de soares para frear o abandono de vivendas, o impulso do proxecto de vivenda pública de alugueiro para mocidade na parcela de Xoán XXIII e que se estabeleza unha regulamentación para fixar as condicións que teñen que cumprir as vivendas para se consideraren baleiras. Aprobouse cunha emenda do PP.

Outra das mocións foi para que o Concello de Santiago controle a expansión de xogos de apostas que afectan á economía e poden causar ludopatía, pola cantidade de xente nova que cae nesta adicción pola proliferación da publicidade das casas de apostas. Aprobouse cunha emenda in voce do PSOE, cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

Outra moción presentada, con motivo do 25 de novembro, foi para pór en marcha desde distintas administracións medidas para a prevención da violencia de xénero e, concretamente, dos delitos e agresións sexuais, con campañas informativas nos centros de ensino. O BNG require, entre outros, instar o Goberno do Estado ou a Xunta de Galiza para facer un estudo para coñecer as causas da violencia de xénero e a poñer en marcha un protocolo de actuación fronte ás agresións sexuais, ademais de rendibilizar todos os instrumentos que existen na actualidade para combater a violencia de xénero. Inclúe tamén unha campaña específica e que se garanta a asistencia xurídica gratuíta para vítimas de violencia de xénero e que se incorporen as vítimas de agresións sexuais. Outro dos aspectos necesarios é que se realicen as modificacións legais oportunas para que os delitos de agresión sexual sexan xudicialmente recoñecidos como delitos públicos e que, polo tanto, requiran a actuación de oficio, independentemente de existir denuncia ou retirala por parte da vítima e que o proceso xudicial teña continuidade.

BNG e CA presentaron conxuntamente unha moción para que o Concello de Santiago expresase a súa solidariedade co pobo catalán e coas persoas xulgadas e condenadas neste proceso, e coas súas familias, e rexeitase a desproporcionada sentenza do Tribunal Supremo contra o dereito democrático de decidir libremente o seu futuro. Quedou rexeitada cos votos en contra de PP e PSOE.

O BNG trasladou iniciativas para a iluminación de roteiros e camiños á noitiña para que a xente poida pasear por eles durante o inverno cando hai menos luz, para restaurar a fonte da Selva Negra e para limpar de restos perigosos e rozar a vexetación na contorna do parque da Trisca. Realizou tamén preguntas para coñecer os mecanismos de control da empresa concesionaria dos comedores escolares, as medidas que se van incluír no novo prego do concurso de recollida de lixo a favor da compostaxe e a necesidade de reordenación do tráfico en Xoán XXIII na contorna de San Francisco.

Ao inicio da sesión Plenaria interviñeron Natividad Rodríguez, pola iniciativa da Trisca; María Rodríguez, de ADEGA, pola iniciativa da recollida de residuos para compostaxe; e Manuela Fraguela, da Plataforma de Pensionistas de Compostela, para a creación do Consello de Persoas Maiores.

 

Apróbase a iniciativa do BNG para potenciar o comercio de proximidade con actividades, conciliación e facilidades para aparcar