PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para reclamarlle a Fomento as obras de humanización e seguranza viaria pendentes na rotonda de Conxo

Outra iniciativa, tamén aprobada por unanimidade, foi destinada á activación dos Consellos de Participación Cidadá

Apróbase a iniciativa do BNG para reclamarlle a Fomento as obras de humanización e seguranza viaria pendentes na rotonda de Conxo

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de abril unha iniciativa as reclamar as obras de humanización e seguranza viaria pendentes da rotonda de Conxo, que estaban comprometidas por Fomento e non se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado. Aprobouse por unanimidade cunha emenda do PP para mellorar a rede viaria de titularidade municipal en Conxo e aprobar o plan integral da senda Milladoiro-Santiago a través de Conxo.

Lembrou Rubén Cela que o tramo do falso túnel de Conxo carece de illamento sonoro, a pesar de que circulan milleiros de vehículos cada día perto das vivendas, o que provoca unha exposición continuada á contaminación acústica. Faise necesario incrementar a seguranza peonil e a mellora deste espazo público para favorecer a conexión dunha beira e outra da estrada, co fin de evitar que a vía divida o barrio como acontece na actualidade. Ademais, cómpre alongar o carril de incorporación á rotonda, así como mellorar a dirección Santiago e psiquiátrico de Conxo, pois teñen un ceda ao paso e un STOP que fan perigosos os accesos. Tampouco está ben resolta a recollida das augas pluviais.

A concelleira Goretti Sanmartín Rei defendeu outra iniciativa para a activación dos Consellos de Participación Cidadá. Despois de 3 anos de Goberno de Compostela Aberta, dos 14 consellos de participación existentes, só se puxeron en funcionamento tres: o Consello de Relacións Veciñais, o Consello de Saúde e o de Medio Ambiente. A maiores creouse un novo, o de Cooperación e Solidariedade e mantiveron a Mesa do Comercio e o de Turismo. Son moitos os colectivos que reclaman a súa posta en marcha para poderen participar nas propostas e toma de decisións da cidade.

O BNG propuxo tamén que o Concello de Santiago de Compostela amplíe o horario dos autobuses urbanos durante as festas da Ascensión, co fin de gañar seguranza viaria e reducir os problemas de aparcamento.

Reclamou o mantemento dos labirintos de camelias do parque de Belvís, pois nos últimos tempos este parque singular impulsado cando o BNG tiña a responsabilidade de Medio Ambiente deixou de ter os coidados precisos, tanto na poda e eliminación de herbas ventureiras como na recollida de lixo.

Mediante unha moción, defendeu que se axilice o soterramento dos servizos básicos e de internet de banda larga na Cidade Histórica para mellorar a habitabilidade, estética e seguranza co fin de eliminar as instalacións aéreas que afean o conxunto patrimonial.

A formación nacionalista propuxo ademais a limpeza do conxunto escultórico de Rosalía de Castro situado na alameda de Santiago de Compostela. Logo dun século á intemperie precisa dun proceso para eliminar a sucidade que acumula a pedra de Novelda e o mármore de Carrara cos que foi construída.

No apartado das preguntas orais, o BNG quixo coñecer cando se van realizar as obras de reforma da cuberta do Pazo de Raxoi, que padece filtracións de auga por mor das tellas rotas e amoreadas nos últimos anos.

Requiriulle tamén ao Goberno local que cumpra o acordo para eximir o pagamento de IBI, auga, luz e seguros aos locais de asociacións que teñen titularidade veciñal, por representar un agravio comparativo coas outras.

Outra das preguntas foi destinada a saber por que non se cumpre o artigo 15 do Regulamento do uso do Galego do Concello no ámbito da Administración da Xustiza, cando a Lei o permite e a maiores que agora os servizos de xurídicos municipais non están externalizados.