PLENO

Apróbase a moción do BNG para licitar, con carácter inmediato, o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa

BNG
BNG

Apróbase a creación do “Espazo das nosas palabras”, un centro de difusión da lingua e cultura galegas

Apróbase a moción do BNG para licitar, con carácter inmediato, o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha proposición para a creación do “Espazo das nosas palabras”, un centro de difusión da lingua e da cultura galegas, coa idea de que a condición de Santiago de Compostela como capital de Galiza, ademais de cidade turística, debe ser aproveitada como canle para a difusión das expresións lingüísticas e culturais que nos identifican como pobo galego.

Este centro de difusión da lingua e cultura galegas debe formar parte dunha estratexia para atraer un turismo alternativo ás excursións que visitan a cidade unhas horas e debera formar parte dun circuíto máis amplo e dunha estratexia para promover o Concello de Santiago como capital do país, explicou Goretti Sanmartín no Pleno, e pretende aproveitar o atractivo turístico para mostrar ao mundo a existencia dun país con cultura e lingua propia. Apróbase esta proposición do BNG para a creación do "Espazo das nosas palabras"; cos votos a favor de BNG e CA, e abstencións de PSOE e PP.

No apartado de mocións, o BNG trasladou unha iniciativa para que o Concello licite, de urxencia, o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa e tendo en conta a petición da Federación de Asociacións de Nais e Pais para mellorar a calidade deste servizo a partir do vindeiro curso 2019-2020, con cociña de proximidade e con produtos locais de tempada. Apróbase a moción dos comedores por unanimidade, coa emenda transaccional do PSOE, de substituír "de urxencia" por "carácter inmediato".

Outra moción foi para desenvolver o proxecto “A porta dos viños” para promocionar os viños galegos en Santiago de Compostela con denominación de orixe, co obxectivo de enriquecer o turismo gastronómico. Ademais dun acto na Porta de Mazarelos, este evento pretende organizar, en colaboración coa asociación Hostalaría Compostela e as adegas, actividades como obradoiros de cata, xornadas de promoción e difusión dos viños, exposicións de libros e fotografías relacionadas coas denominacións de orixe, fomento das rutas de enoturismo e instalación de expositores das distintas adegas para favorecer o comercio.

Ademais, debateuse tamén unha moción para abrir unha vía de negociación coa Xunta para saldar a débeda histórica con Santiago de Compostela sobre o financiamento ao abeiro do Estatuto de Capitalidade. Outro dos puntos foi destinado a que o Concello de Santiago reclame a inclusión de 5,5 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta de 2020 para o Estatuto de Capitalidade. Tamén requiriu que se encargue a elaboración dun estudo económico para actualizar a contía derivada dos custes de capitalidade. A moción quedou rexeitada ao votar en contra o PSOE, a abstención do PP e os votos a favor de BNG e CA.

A seguinte moción foi encamiñada a que o Concello de Santiago de Compostela demande do Goberno do Estado a dotación orzamentaria precisa para AENA construír a nova estación depuradora de augas residuais do aeroporto da Lavacolla, ademais das medidas oportunas para deter a contaminación actual e mellorar a protección ambiental. Apróbase cos votos a favor de BNG, CA e PP (en contra PSOE) o punto número 1 para dotar de orzamento esta nova depuradora do aeroporto e por unanimidade o punto número 2 de corrixir as verteduras contaminantes.

Na sección de rogos, o BNG reclamou a revisión urxente e reparación do muro próximo á Selva Negra para a súa consolidación, co obxectivo de contribuír á conservación patrimonial e á seguranza viaria.

Outro dos rogos foi para demandar da Xunta a axilización dos trámites da concentración parcelaria de Villestro e Figueiras, de acordo co aprobado no Pleno de setembro de 2018.

Tamén se demandou organizar, de acordo coas empresas concesionadas das atraccións, unha faixa horaria ou sesións específicas no calendario de festas en que as instalacións e postos de feira non utilicen música nin megafonía para facilitar a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e distintas capacidades que teñen alta sensibilidade ao balbordo. Esta iniciativa foi trasladada polo BNG con anterioridade ao equipo de Goberno e xa se aplicou nestas festas do Apóstolo.

O grupo municipal do BNG formulou unha pregunta para coñecer os procedementos vai seguir o Goberno local para axilizar a tramitación de licenzas no departamento de Urbanismo, logo de queixas nas últimas semanas por mor da falta de dixitalización de expedientes.

Tendo en conta que existen marquesiñas no almacén municipal, outra das preguntas foi para saber cal é a previsión do Goberno local para instalar as marquesiñas que dean servizo ao transporte escolar de Roxos e de Monte dos Postes; e en que outros lugares se van colocar co fin de dotar os lugares do rural que carecen destas instalacións e de mellorar este servizo público. Comprométense a poñelas na primeira semana de setembro.

A terceira das preguntas orais foi para coñecer se o Goberno local vai incluír as demandas do comité de empresa no novo prego do concurso do servizo de limpeza e recollida de lixo para que a adxudicataria garanta a normativa laboral; e cando ten previsto o Goberno local publicar ese concurso. Comprométense a incluílas no prego, que din que estará listo en abril de 2020 cando vence a prórroga.

Apróbase a moción do BNG para licitar, con carácter inmediato, o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa