PLENO

Apróbase a moción do BNG para mellorar o local do Carballal e crear un parque biosaudábel e unha área de xogos infantís

Reclaman tamén un punto informático con acceso a internet

Apróbase a moción do BNG para mellorar o local do Carballal e crear un parque biosaudábel e unha área de xogos infantís

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2018.- O BNG presentou unha moción, que foi aprobada por unanimidade, para trasladar as demandas da asociación veciñal “O Pasadoiro”, do Carballal, para a mellora e acondicionamento do local social e para crear unha zona con parque biosaudábel para maiores e área de xogos infantís.

A asociación veciñal “O Pasadoiro” puxo en coñecemento do grupo municipal do BNG unha serie de reivindicacións que a veciñanza considera necesarias para as persoas que viven nas aldeas do rural, en concreto da parroquia de Carballal.

Segundo explicaron, o local social precisa unha reforma, pois o mobiliario se atopa bastante deteriorado, ademais de reclamar un punto informático con conexión a internet e un novo taboleiro de anuncios.

A veciñanza do rural tamén precisa lugares de esparexemento e por iso demandan un parque biosaúdabel e unha área de xogos para as crianzas da contorna.

Esta moción presentada polo BNG no Pleno de xaneiro contou co apoio de todos os grupos da Corporación municipal.