PLENO

Apróbase a moción do BNG para reclamar o incremento das prazas de atención á discapacidade física e intelectual

Outra das mocións aprobadas foi para dotar a urbanización de Santa Marta de servizos básicos como colectores de lixo, composteiros e beirarrúas accesíbeis

Apróbase a moción do BNG para reclamar o incremento das prazas de atención á discapacidade física e intelectual

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018.- A grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno a reivindicación da ANPA da Barcia, cunha moción destinada a ampliar as prazas para persoas con discapacidade nos centros públicos, ao fío da que interveu María Xunqueira en representación deste colectivo.

A moción aprobouse por unanimidade, cunha emenda do PP, para instar ao Goberno español a cumprir o acordo asinado coa Xunta para poñer en funcionamento as prazas residenciais do CEGADI e un centro de referencia de autonomía persoal e axudas técnicas (CEAPAT), ademais de instar á Xunta a poñer en marcha a área de rehabilitación do CEGADI e a aumentar de inmediato as prazas na Residencia de Gravemente Afectados Juan Vidán Torres, pertencente á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS).

Tamén se debateu a moción para elaborar un “mapa de coidados” para atender persoas dependentes co fin de loitar contra a precariedade de quen realizan este traballo, ademais de impulsar iniciativas de emprendemento de economía social neste ámbito e de asumir a corresponsabilidade social.

Outra das mocións do BNG, aprobada por unanimidade, foi destinada a dotar a urbanización de Santa Marta de servizos municipais como a instalación e apertura de colectores de lixo, papeleiras, composteiros, placas cos nomes de rúas, arborado e beirarrúas que cumpran normas de accesibilidade, entre outros, para mellorar a calidade de vida da veciñanza que alí reside desde hai máis de dous anos sen estes elementos básicos.

Mediante un rogo reclamouse a realización das xestións necesarias para mellorar a iluminación nos accesos e na zona de aparcadoiro da Escola Municipal de Música, logo de que nais e pais trasladasen as súas queixas pola escuridade da zona de acceso e do aparcadoiro destas instalacións, un feito que dificulta o tránsito nos horarios de tarde durante o inverno.

No apartado de preguntas, inquiriuse o prazo de execución que ten o Goberno local para a realización das obras de urbanización da rúa Valiño, xa que en novembro de 2016 e en xuño de 2017, o Goberno de Compostela Aberta se comprometera no Pleno ao abeiro de senllas iniciativas do BNG a corrixir o estado lamentábel de abandono, onde non hai beirarrúa, unha escaleira está a medio construír e hai un espazo perigoso para as crianzas que atallan á escola de Monte dos Postes.

Con respecto a unha das medidas que incluía o programa de Compostela Aberta para  a creación dun cheque cultural que permita desgravar nos tributos locais xustificando o consumo de cultura na cidade, o BNG preguntas que xestións se realizaron nese sentido e se ten previsto implementar esta medida nas ordenanzas fiscais.