PLENO

Apróbase a proposición do BNG co plan para reiniciar as actividades culturais de pequeno formato en Santiago

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
A Corporación deu o visto bo a unha declaración institucional impulsada polo BNG para que o Goberno do Estado aplique o 4% de IVE
Apróbase a proposición do BNG co plan para reiniciar as actividades culturais de pequeno formato en Santiago

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020.- O BNG trasladou ao Pleno unha proposición para que o Concello desenvolva un Plan de revitalización cultural, en consenso co sector, co obxectivo de afianzar a programación artística e contribuír a garantir a súa viabilidade empresarial e o dereito cidadán de participar destes eventos adaptados ao contexto das consecuencias da pandemia do coronavirus. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose. Ademais, aprobouse unha declaración institucional, impulsada polo BNG, para trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de considerar a aplicación do IVE super reducido do 4% a produtos, eventos, contratacións e actividades culturais para favorecer a igualdade de dereitos na participación nesta actividade e o apoio a este sector profesional.

Deste xeito, a portavoz municipal Goretti Sanmartín propuxo unha batería de medidas entre as que destacan o compromiso de reprogramación e descentralización das actividades en colaboración con outras administracións, ademais da convocatoria de axudas ao sector cultural, para profesionais e asociacións, co pagamento anticipado de gasto nun 70% o 30% restante cando se desenvolvan as actividades.

Os puntos inclúen tamén a transversalidade entre cultura, turismo, comercio, ensino e sanidade, xunto cunha campaña de seguranza e promoción de salas de cine, museos, teatro, música, galerías de arte e artesanía.

En canto aos plans de difusión, inclúe o legado de Carlos Maside, programas de actividades sobre Carvalho Calero e o Grupo Nós; roteiros literarios, artísticos e polo patrimonio; así como o apoio ás librarías, editoriais, festivais e feiras do libro; a creación dun bono cultural encamiñado a estimular o consumo, o deseño dunha campaña de captación de públicos e promoción da cultura local e galega. Incide tamén en que o Xacobeo debe enfocarse a proxectar a cultura local e galega; e na necesaria captación de fondos para o Consorcio e reorientación de programas culturais. Inclúe ademais a contratación de empresas do sector cultural compostelán e galego en festas de barrios e parroquias, nas propias festas do conxunto do Concello e no desenvolvemento dunha programación de animación de rúa para os meses de xullo, agosto e setembro.

Investigación nas residencias de maiores

Ademais, o BNG rexistrou unha moción para reclamar unha investigación por parte do Parlamento e da Xunta sobre o acontecido nas residencias de maiores que foi como moción conxunta resultado dunha transacción entre BNG e CA que asumiu tamén o PSOE. “Entre outras medidas, o BNG reclamou a recuperación da concesión daqueles centros de maiores da Xunta de Galiza xestionados por empresas privadas onde se producisen mortes pola covid-19 e a cancelación dos concertos de prazas con aquelas empresas ou entidades sen ánimo de lucro onde se constatase o incumprimento da normativa legal.

“A atención ás persoas maiores non pode ser un negocio”, afirmou Goretti Sanmartín. Para o BNG tamén é fundamental a elaboración dun Plan de nacionalización das residencias de maiores, pois a atención á terceira idade é un servizo público que debe ser xestionado integramente pola Xunta de Galiza e rematar co actual esquema perverso de privatización directa ou indirecta e de mercantilización desta política asistencial. Ao abeiro desta moción, interveu Javier Quián en representación das familias afectadas pola covid-19 nas residencias.

Aprobouse esta moción conxunta resultado dunha transacción entre BNG e CA que asumiu tamén o PSOE. Votos a favor BNG, PSOE e CA; PP abstense.

Administración electrónica, impostos á carta e arranxo de colectores de lixo

Nos apartado de rogos, o BNG reclamou o compromiso do Goberno local para a implementación dos trámites municipais mediante a administración electrónica, cos recursos e formación necesaria, e a axilización do sistema de pagamento fraccionado de impostos á carta para que sexan unha realidade en 2021.

Outro rogo foi encamiñado ao arranxo dos colectores de residuos que non teñen en funcionamento os pedais para a súa apertura e unha campaña de sensibilización para depositar o lixo nos lugares correspondentes, que inclúa publicidade do teléfono de recollida de enseres, ante o risco de infección que pode supoñer a falta de hixiene en lugares públicos.

Depuradora e prego do contrato de limpeza

En canto ás preguntas, o BNG inquiriu cal foi o resultado das xestións que realizou o Goberno local para que o Goberno do Estado consigne a parte que lle corresponde para a construción da estación depuradora e inicie esta obra canto antes, co fin de evitar que continúen as verteduras ao río Sar e cumprir os prazos para manter os fondos europeos, toda vez que o último borrador de convenio incluía unha partida por parte de ACUAES que o Concello debería devolver con posterioridade.

Ademais, preguntou se o Goberno local ten previsto facer unha revisión dos pregos da licitación do servizo de limpeza das dependencias do Concello para adaptalos á nova situación derivada da pandemia da covid-19. O BNG non quere dar por feito que haxa maior carga de traballo e máis precariedade nas condicións laborais das 48 traballadoras/es, nin que se fagan subcontratacións a terceiras empresas sen limitacións e con empeoramento das condicións laborais.




 

Apróbase a proposición do BNG co plan para reiniciar as actividades culturais de pequeno formato en Santiago