PLENO

Apróbase a proposición do BNG para que Compostela Aberta regularice os servizos municipais que seguen sen contrato

O BNG reclamou a ampliación das bolsas de comedor para que ningunha familia con problemas económicos quede excluída deste servizo básico de alimentación escolar

Apróbase a proposición do BNG para que Compostela Aberta regularice os servizos municipais que seguen sen contrato

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2018.- O BNG defendeu no Pleno unha proposición para que o Goberno local se esforce en regularizar o procedemento dos servizos municipais externalizados que continúan a operar sen contrato co obxectivo de normalizar a situación da xestión ordinaria. Aprobouse por unanimidade.

O texto da iniciativa recolle que o Goberno local, de acordo co estabelecido na Lei de Contratos do Sector Público, “mantén en situación irregular numerosos contratos de servizos prestados a través de empresas privadas mediante concesións administrativas”. No mes de marzo de 2018, aprobouse en Pleno unha proposición para resolver estas anomalías e co fin de axilizar os procedementos administrativos dos servizos municipais externalizados que daquela operaban sen contrato. “Mais é evidente que proseguiu a inercia do incumprimento dos prazos para licitar e contratar seguindo os procedementos administrativos que determina a lexislación, o que provoca irregularidades e inseguranza xurídica e laboral dos traballadores e traballadoras destes servizos”, defendeu Rubén Cela.

Presentou tamén unha moción destinada a reclamarlle ao Ministerio de Fomento a execución de obras comprometidas na AP-9 para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Angrois. Entre elas está pendente realizar o paso elevado para permitir o acceso ás zonas agrarias de Angrois, instalar pantallas acústicas para redución a contaminación acústica e pavimentar a pista desde a Travesa de Angrois á vía de servizo da AP-9. O BNG requiriu, ademais, mediante unha pregunta oral que se instale iluminación pública na rúa do Limpadoiro, unha zona de moito tráfico sen beirarrúas, que entraña problemas de seguranza viaria.

Outra das iniciativas foi destinada a reclamar a redución do IVE na tarifa da luz do 21% ao 4% e para permitir a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega. Tamén reclama que exclúa Galiza da orde para a tramitación dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses do tecido social e económico galego, correspondendo ao goberno do Estado asumir os custos que poida ocasionar a aplicación das sentenzas. Quedou rexeitada cos votos en contra de PP e PSOE e a favor de BNG e CA.

O BNG reclamou a ampliación das bolsas de comedor para que ningunha unidade familiar con problemas económicos durante o curso 2018-2019 quede excluída deste servizo básico de alimentación escolar. As bases da convocatoria para o curso 2018-2019 estipulaban que non se pode superar a renda per capita no máximo anual de 6.454.08 € (IPREM) co cálculo en función da renda do exercicio 2016. Neste sentido, afástase da realidade económica actual dalgunhas familias tendo en conta a precariedade e alta temporalidade laboral que existe en Santiago de Compostela, polo que non se axusta con exactitude aos ingresos cos que contan as unidades familiares en 2018, de aí que haxa familias que precisan as bolsas e quedaron excluídas. CA non aceptou o rogo.

Con respecto ás demandas do Castiñeiriño, o BNG reclamou a ampliación dos parques infantís acorde á previsión de crecemento da poboación deste barrio e a axilización da instalación da cuberta para poder usalo durante o inverno.

Trasladou tamén a necesidade do acondicionamento da actual entrada ao local sociocultural da Almáciga ou a procura dunha nova que facilite que poida ser utilizado pola veciñanza que ve restrinxida a súa participación nas actividades pola falta de accesibilidade e de iluminación.

Outra das preguntas foi encamiñada para saber o prazo para realizar a remodelación e humanización da avenida de Salamanca e as rúas anexas, pois presentan un claro estado de abandono.