RESUMO DAS INICIATIVAS DO BNG NO PLENO DE NOVEMBRO DE 2019

Apróbase a proposición do BNG para xestionar coa Xunta a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Outra das proposicións do BNG, convertida en declaración institucional, foi para trasladarlle ao novo Goberno español a listaxe de acordos pendentes de executar e de proxectos ligados ao desenvolvemento de infraestruturas en Compostela
Apróbase a proposición do BNG para xestionar coa Xunta a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno unha iniciativa para xestionar coa Xunta a colaboración necesaria para implantar un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela, que foi aprobada cos votos a favor de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP.

Segundo recolle o texto da proposta do BNG, existe demanda para a creación deste Conservatorio Profesional de Danza para a formación, no dominio técnico e artístico, que permita o acceso do alumnado ao ámbito laboral con cualificación de acordo cos decretos que regulan este modelo de ensino. Este centro debe ofertar coñecementos estilísticos, coreográficos, históricos, tradicionais, clásicos e neoclásicos, contemporáneos e de novas tendencias para a formación de profesionais na actividade artística da danza en clave galega e con carácter oficial. Deste xeito poderán conseguir a correspondente titulación en cada modalidade, cun plan formativo para a inserción laboral en compañías de danza, de interpretación e de teatro musical, entre outras.

Outra das proposicións do BNG, convertida en declaración institucional, foi para trasladarlle ao novo Goberno español a listaxe de acordos pendentes de executar e de proxectos ligados ao desenvolvemento de infraestruturas en Santiago de Compostela. Entre eles figuran a execución do enlace orbital completo; a construción da estación de mercadorías da Sionlla; un plan de usos para a vella terminal de Lavacolla; o cambio de nome, rotulación e sinalización do aeroporto Rosalía de Castro; o proxecto de humanización da rotonda de Conxo; a clarificación dos trámites ambientais para construír a estación depuradora de augas residuais; as obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla; a cesión de terreos do campo de tiro de Bando e a revisión do financiamento plurianual da estación intermodal, ademais da eliminación da cláusula dos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras do convenio que pode condicionar a obra.

Trasladou unha moción para impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e favorezan o retorno das persoas emigradas, de acordo coa iniciativa da Plataforma Vía Galega que está integrada por máis de 60 colectivos sociais e culturais. Ao abeiro desta iniciativa interveu Anxo Louzao, da portavocía de Vía Galega. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE, CA e a abstención de CA.

O BNG propuxo tamén a construción dun centro de día nas Fontiñas, toda vez que o proxecto da residencia de maiores se traslada ao Castiñeiriño. Aprobouse cun acordo transacional para que sexa nas Fontiñas mais non necesariamente na mesma parcela municipal DOC-15 no ámbito do Plan parcial en que ía construírse a residencia de maiores. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP.

Outra moción foi para instar a Deputación da Coruña a iniciar un diálogo coa veciñanza afectada e representación técnica e política do Concello e da Deputación para solucionar os problemas do proxecto da senda peonil na DP-7803 entre Santiago de Figueiras, de acordo coas propostas da asociación veciñal Nova Xeira, para habilitar novas paradas de autobús; facer prazas de aparcamento sen necesidade de expropiar terreos nin afectar a edificabilidade das parcelas; reconstruír valados e muros, ademais de realizar novas conexións aos servizos e accesos a vivendas para persoas con mobilidade reducida. Con esta moción interveu ao inicio do Pleno Xosé Quintáns, da asociación Nova Xeira de Figueiras. Aprobouse por unanimidade cun texto acordado entre todos os grupos.

Unha moción foi para activar, antes de final de ano, os Consellos de Participación Cidadá, a comezar polo de Educación e de Saúde, para implicar a veciñanza e colectivos nas decisións de relevancia para Santiago de Compostela. Acéptase unha emenda do PSOE para que se poñan en marcha os Consellos de Participación Cidadá no primeiro cuadrimestre de 2020. Apróbase por unanimidade.

No apartado de preguntas orais, o BNG requiriu información sobre os avances que se produciron por parte do Concello de Santiago e da Xunta de Galiza para axilizar os trámites da concentración parcelaria de Villestro II-Figueiras, ao abeiro das iniciativas presentadas en setembro de 2018 e en xullo de 2019.

Outra das preguntas foi para coñecer se ten previsto o Goberno local realizar un novo contrato o vindeiro ano para realizar un plan integral en Nadal, Semana Santa e verán; que inclúa descentralizar a oferta a máis centros de ensino para lle dar oportunidade e facilidades de participar a nenos e nenas de máis barrios e parroquias, tal como reclaman as ANPAs e como se aprobou en Pleno de novembro de 2016.

Preguntou tamén pola previsión e prazos ten o Goberno local para licitar o novo concurso do servizo de limpeza das instalacións municipais, que leva tempo a prestarse sen contrato, concretamente desde o 30 de maio de 2018, e que debe incluír cláusulas sociais para protexer os dereitos do persoal contratado e evitar a precariedade laboral.

Mediante un rogo, demandou a realización de obras de mantemento da estrada, das beirarrúas, dos pasos de peóns no barrio de San Lázaro, ademais dos labores de limpeza e de retirada de vexetación sobre as zonas de tránsito peonil para mellorar a seguranza viaria e favorecer a mobilidade e a instalación de bancos para descansar na contorna do estadio municipal Vero Boquete.

Outro rogo foi para a realización dos labores de limpeza de canles de recollida de augas pluviais e de podas de árbores nos centros de ensino, ademais de incluír estes labores de mantemento ordinario na planificación dos departamentos municipais correspondentes. No caso concreto do CEIP de Roxos, afectan a un tellado das aulas de primaria que sofre un proceso de deterioración do que xa advertiron en reiteradas ocasións ao departamento de Educación.