O BNG abstense na aprobación inicial dos Orzamentos municipais

O BNG abstense na aprobación inicial dos Orzamentos municipais

Se ben incluíron durante a negociación algunhas das propostas do BNG, non figuran partidas para executar iniciativas aprobadas en Pleno

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016.- “O grupo municipal do BNG mantivo en todo o proceso previo a este Pleno de debate dos orzamentos municipais para 2016, unha posición responsábel, construtiva e coherente co defendido polo noso grupo en anos anteriores”, afirmou Rubén Cela durante a súa intervención, “cunha predisposición permanente ao diálogo e á busca de acordos sobre aspectos que puideran supor unha mellora na calidade de vida aos veciños e veciñas de Santiago”. O portavoz municipal nacionalista xustificou o voto de abstención no Pleno de aprobación inicial dos Orzamentos 2016 ao ver que se incluíron durante a negociación algunhas das propostas do BNG, mais non figuran partidas para executar iniciativas aprobadas en Pleno.

Así, manifestou que dende un comezo, o BNG mostrou a predisposición a non obstaculizar a aprobación dun novo orzamento para Compostela, sempre e cando, cumprise cuns mínimos, “porque mentres non se aprobe un novo orzamento estará vixente o anterior do Partido Popular que non se axustaba nin se axusta ás necesidades urxentes e prioritarias de Santiago”. Referiuse tamén a que “canto máis tarde se aprobe un novo orzamento, máis difícil será executalo, particularmente no que ten a ver cos investimentos, porque iso deriva en sobrecustos e atrasos que sempre, por activa ou por pasiva, rematan pagando a veciñanza e o pequeno comercio”. Porén, advertiu que “non obstaculizar a aprobación dos Orzamentos non se vai converter nun cheque en branco”.

Rubén Cela aludiu ao proceso de negociación das contas municipais como unha “condición necesaria, aínda que non suficiente, para un goberno en minoría que aspire a aprobar uns orzamentos” e puxo o acento en que “o problema non foi de falar, foi de consensuar”. “No BNG coincidimos co grupo de goberno na necesidade de priorizar dentro do orzamento as políticas sociais, políticas activas de emprego e igualdade, mais coidamos que se puido facer máis e mellor ao respecto”, indicou.

Propostas incluídas relativas á creación de emprego, centros escolares e lingua

“Conseguimos, por exemplo, que se incrementase a partida dirixida a políticas activas de emprego con 170.000 euros a maiores; unha contía moi inferior á que pretendiamos”, afirmou. “Logramos que se incluíse a nosa proposta de ‘bolsa escolar’ que permitirá que existan axudas tamén para o material escolar, actividades extraescolares ou de conciliación e que estas non queden restrinxidas só ás familias que as poidan pagar”.

“Conseguimos un aumento das partidas dirixidas a normalización lingüística chegando a que case se duplicase a partida de 38.000 euros orzados en 2015 para actividades aos 70.000 euros recollidos nesta proposta”, engadiu, “e que se consigne partida económica para realizar un estudo sobre medidas de seguridade viaria para motoristas”.

Outras das partidas consignadas a raíz das propostas negociadas co BNG son as destinadas a solucionar os puntos negros que existen na cidade en materia de asolagamentos, para estabelecer un plan plurianual de arranxos nos colexios públicos e para mellorar a formación do persoal municipal vinculada á promoción interna e ao incremento da galeguización da administración municipal.

O Parque urbano das Hortas, a rehabilitación da Casa das Máquinas e a estación depuradora de augas residuais foron outras das propostas que trasladou o BNG e que o Goberno de Compostela Aberta acabou aceptando “parcialmente”.

Rubén Cela advertiu, ademais, que o Concello se vai endebedar aínda máis, pero para realizar menos investimento. Así, cualificou o capítulo de investimentos de “ridículo” pois só o 8,7% dos gastos son investimentos e transferencias de capital, tal e como tamén apunta o informe de Intervención. “O investimento repercute na creación de postos de traballo, pois é actividade económica, e ben empregado pode ser valor engadido e efecto multiplicador en termos económicos e tamén sociais”, sinalou.

Cuestionou tamén o tratamento que se fai das subvencións nominativas, “Compostela Aberta non só non reduciu as subvencións a dedo, senón que as aumentou”, afirmou Rubén Cela.

“No ámbito de INCOLSA, tampouco nos parece menor o feito de que manteñan exactamente a mesma política que tiña o Partido Popular de financiamento de liñas de baixo custo, coa mesma opacidade incluída”, explicou o portavoz municipal nacionalista, “aínda estamos agardando poder coñecer o contido dos convenios de colaboración con dúas aeroliñas de baixo custe”.

Tamén alertou de que non se recollen nestas contas numerosos acordos que se tomaron no Pleno e puxo como exemplo os novos aparcadoiros de xestión pública.

Finalmente, para completar a xustificación da abstención do grupo municipal do BNG, fixo unha referencia a que “estes son a antítese duns orzamentos participativos”.

O BNG abstense na aprobación inicial dos Orzamentos municipais