LIMPEZA

O BNG advirte da necesidade de arranxar os colectores de lixo que non funcionan

Colectores inutilizados
Colectores inutilizados

Goretti Sanmartín reclámalle ao equipo de Martiño Noriega que axilice as xestións para favorecer a recollida selectiva de residuos e incrementar a sensibilización ambiental

O BNG advirte da necesidade de arranxar os colectores de lixo que non funcionan

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, advirte da existencia de colectores de lixo soterrados que non están habilitados pese ás reiteradas queixas da veciñanza.

O BNG xa trasladou a Pleno en reiteradas ocasións o mal funcionamento dos colectores de lixo, desde a falta de limpeza á falta de accesibilidade, pasando pola necesidade de instalar os depósitos de recollida selectiva de vidro, plástico e papel nas parroquias do rural.

A isto únese a falta de substitución dos que están rotos e sen tapa, dos que están con valados e inutilizados e dos que están atascados e non funcionan nas rúas Pamplona,  Lisboa e Berlín, ademais dos da praza de Uruguai, por citar algúns exemplos.

Neste sentido, reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que axilice as xestións para que os colectores de lixo estean operativos e en boas condicións co fin de favorecer a recollida selectiva de residuos para poder incrementar a sensibilización ambiental en Santiago de Compostela.