PERSOAL

O BNG advirte que nos servizos municipais prestados sen contrato lástranse os dereitos laborais do persoal

“É unha mostra máis do desleixo e falta de previsión do Goberno de CA”, di Rubén Cela

O BNG advirte que nos servizos municipais prestados sen contrato lástranse os dereitos laborais do persoal

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018.- O portavoz do BNG no pazo de Raxoi, Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que os servizos municipais prestados sen contrato lastran os dereitos laborais do persoal. Referiuse á situación en que queda o persoal do servizo de limpeza dos colexios públicos e instalacións deportivas, ao persoal das pistas de pádel e da Escola Municipal de Música.

Para o grupo municipal do BNG sempre foron unha preocupación importante as condicións laborais dos traballadores e traballadoras municipais, tanto dos funcionarios como dos que prestan servizos externalizados. “Mesmo foi unha das razóns para apoiar o proceso de municipalización da ORA e do guindastre, co que non estabamos totalmente de acordo co procedemento, mais que o fixemos precisamente por salvagardar 40 postos de traballo”, sinalou Rubén Cela.

Actualmente hai tres servizos “para os que facemos un chamado ao Goberno municipal para que actúe con menos frivolidade, con maior transparencia e axilidade para resolver algúns problemas”. O primeiro deles é o servizo de limpeza dos colexios públicos de Santiago, sinalou, que remata o seu contrato o vindeiro 30 de abril. “Non se pode volver prorrogar e non ten iniciada a tramitación da súa licitación, como mínimo vai estar uns meses de xeito irregular o que lle afecta a 56 traballadores e traballadoras que atenden 14 centros públicos de Santiago, de ensino e deportivos”, dixo. “É unha mostra máis do desleixo e falta de previsión do Goberno de Compostela Aberta, porque o normal é que a estas alturas xa estivera licitado e adxudicado”, indicou. Segundo explicou o persoal será subrogado e o servizo ao estar catalogado como esencial a lei permite mantelo fóra de contrato.

O segundo servizo é o das pistas de pádel do Multiusos Fontes do Sar, que o BNG leva meses denunciando que se estaba a acometer unha auténtica ilegalidade e irresponsabilidade, porque levan dende o 13 de outubro de 2016 sen contrato. A actual concesionaria, a empresa mixta XADE advertiu en 5 reunións presenciais desta situación ao Concello e a través de 18 escritos. No último Consello de Administración de XADE tomouse un acordo polo que se o Concello non resolve a situación antes do 19 de maio, automaticamente se deixará de prestar o servizo, o que implica que 10 persoas perderán o seu posto de traballo e 180 que acoden diariamente quedarán sen practicar ese deporte, á parte de 11.000 persoas usuarias do Multiusos Fontes do Sar que teñen dereito a accederen a prezo reducido de 1,10 euros ás instalacións.

Sobre a Escola Municipal de Música, sinalou que o contrato rematou o 14 de novembro de 2017 e todo o curso 2017-2018 se vai prestar sen contrato, cando se trata dun servizo que atende 450 rapaces e rapazas, ademais de empregar uns 20 profesores e profesoras. Licitouse tarde para o vindeiro curso e só unha empresa concorreu ao concurso, “mais o preocupante é que non é obrigatoria a subrogación porque o seu convenio colectivo non asegura a continuidade, incluíuse como unha cláusula que puntúa mais non obriga”. “Nuns días, cando se abra o sobre económico, poderemos ver como 20 profesoras e profesores da Escola Municipal de Música poden perder o seu posto de traballo” porque non se fixeron ben os pregos de contratación. Destacou tamén que Compostela Aberta non optou pola vía de municipalizar este servizo e, pese a que hai un compromiso do alcalde garantíndolles que ían continuar, o prego non o estipula así.