O BNG advírtelle ao alcalde que a obra de Carretas está sen prórroga

O BNG advírtelle ao alcalde que a obra de Carretas está sen prórroga

Tanto o modificado do proxecto como a segunda prórroga, que expirou o 18 de marzo, foron mal tramitadas segundo consta nun informe da Xunta de Goberno

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG reitera a advertencia da demora nas obras de Carretas, cando a data inicial de remate era o 13 de setembro de 2015, logo de conceder a primeira prórroga foi o 27 de novembro, á que seguiu un intento de segunda prórroga mal tramitada e un modificado da obra con problemas de xestión no seu procedemento que expirou o 18 de marzo sen que a actuación concluíse. Por estes motivos, advírtelle ao alcalde que adopte as medidas oportunas porque este xeito de proceder sen tramitar as prórrogas nas obras municipais pode xerarlle problemas ao Concello de Santiago.

“Este é un exemplo de como non se debe actuar nunha obra e de como os prexuízos da mala xestión prexudican a veciñanza”, indicou Rubén Cela, portavoz municipal. O BNG xa se interesara formalmente en novembro de 2015 por esta actuación de Carretas, mediante unha pregunta dirixida ao alcalde para coñecer os motivos do atraso e as medidas que tiña previsto emprender o Concello de Santiago. Esta obra adxudicouse por un importe de 622.482 euros e cun prazo de execución de cinco meses a partir do 13 de abril de 2015, hai case un ano, para dar resposta a unha demanda veciñal encamiñada a facer peonil esta rúa, con acceso a residentes, mercadorías e servizos públicos.

Na documentación da Xunta de Goberno, figura un informe para a ampliación da segunda prórroga que, se ben conta “coa conformidade da asesoría xurídica municipal, non foi proposto para a súa aprobación polo órgano de contratación”, polo que non se tramitou do xeito debido, pese a que se alude ao “interese público” e a que “a empresa cumpriu as súas obrigas contractuais e non se ocasionan prexuízos a terceiros”.

En canto ao proxecto modificado, no mesmo informe explicítase que hai unha “serie de circunstancias xenéricas e inconcretas que non se consideraron abondo xustificadas” polo departamento de Contratación. Este informe complementario foi achegado pola dirección facultativa externa con data 24 de decembro e remitido á Contratación municipal o 26 de febreiro de 2016, acompañado do informe favorábel do responsábel técnico municipal. Porén, recoñece que o proxecto, a pesar de terse solicitado e tramitado debidamente por parte do contratista, se redactou “sen a previa e preceptiva autorización da Xunta de Goberno local”.

O BNG advírtelle ao alcalde que a obra de Carretas está sen prórroga