O BNG advírtelle ao Goberno local que debe revisar as obras en materia de seguranza e accesibilidade

Pasarela sobre a vía do tren
Pasarela sobre a vía do tren

O arranxo da pasarela sobre a vía ferroviaria en San Marcos, que reclamara o BNG, presenta numerosas deficiencias

O BNG advírtelle ao Goberno local que debe revisar as obras en materia de seguranza e accesibilidade

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago advírtelle ao Goberno local de Compostela Aberta que debe revisar as obras en materia de seguranza e accesibilidade para evitar chapuzas como a da pasarela sobre a vía do tren de San Marcos, nun tramo do Camiño de Santiago. Nas obras novas, debe esixirlles ás empresas que rematen as obras con atención á estética urbanística e aos criterios que facilitan a mobilidade das persoas e dos vehículos sen risco de accidente.

Deste xeito, no resultado da actuación deixaron valados con ferruxe, obstáculos, quitamedos sen bionda inferior, arestas, parafusos saíntes e remaches mal asentados, entre outras irregularidades en materia de accesibilidade que poden provocar danos e caídas.

Nesa zona faltan tamén os sinais de advertencia de perigo de xeo e de néboa, pintura amarela para indicar os cortes existentes no cemento que actúan a xeito de rampla e supoñen unha trampa para motoristas. Un pouco máis adiante, a vía ten tramos en desnivel con formigón nas paredes laterais con arestas sen limar, nun paso sobre a autoestrada, o que pode provocar que os vehículos saian despedidos nesa dirección en caso de accidente, pois os badéns non está sinalizados de forma debida nesta zona que adoita ter xeo e néboa no inverno.

Rubén Cela explicou que o BNG xa reclamara en outubro de 2016 un plan de actuación do Camiño de Santiago, nos ámbitos de competencia municipal, para acometer as reparacións que fosen necesarias, especialmente nos tramos de pasarelas de madeira que tiñan táboas soltas e supuñan un potencial perigo de caída e lesión para os milleiros de persoas que transitan por elas e deterioran a imaxe de chegada a Compostela.

Daquela, igual que agora, o BNG recibira queixas do mal estado de conservación destas dúas pasarelas que eran de madeira na baixada do Monte do Gozo á entrada de Santiago de Compostela, unha delas sobre a autoestrada e a outra sobre as vías ferroviarias, que tiñan as travesas rotas e deprendidas.