O BNG alude ao xa elevado índice de presión fiscal de Santiago para a modificación das ordenanzas

O BNG alude ao xa elevado índice de presión fiscal de Santiago para a modificación das ordenanzas

“Cando pasa o tipo de gravame do IBI para bens de natureza urbana do 0,54% ao 0,57% estalles subindo os impostos a todos: ricos e pobres; iso non é progresividade fiscal”, explica Rubén Cela

presion.fiscalSantiago de Compostela, 30 de outubro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do nacionalista, Rubén Cela, manifestou que Santiago de Compostela ten un índice de presión fiscal elevado –con 586, 63 euros/habitante- que se sitúa como a segunda máis alta de Galiza, só por detrás de Ourense.

Segundo explicou en rolda de prensa, para o BNG poder apoiar as ordenanzas fiscais que propón o Goberno local de Compostela Aberta terían que aprobar o Plan Económico Financeiro (PEF), presentar a memoria económica, estabelecer unha corrección do tipo do IBI para bens inmóbeis de natureza urbana ao 0,54% (máximo 0,55%), non subir o tipo para actividades económicas que poidan contribuír á dinamización da economía local e á xeración de emprego e atender compromisos firmes con peticións formuladas polo BNG como o pagamento de impostos á carta e o cobro do IBI á Igrexa católica onde non goza de exención, como estabelecementos hoteleiros, pisos e garaxes.

“O BNG reiterou que antes da aprobación das ordenanzas fiscais e dos orzamentos municipais, o Goberno local tiña que aprobar o Plan Económico e Financeiro ao que lle obriga a lei toda vez que o Concello de Santiago incumpriu a regra de gasto da Lei de Estabilidade”, explicou. As medidas que poida contemplar o PEF sempre van estar vinculadas á cuestión orzamentaria e ás ordenanzas fiscais e o incumprimento dese requirimento podería ter como consecuencia que o Goberno español impedise ao Concello de Santiago seguir prestando servizos impropios como as escolas infantís, comedores escolares e UMAD, entre outras. Lembrou Rubén Cela que isto xa llo “trasladou no Pleno, por escrito e a través dunha pregunta ao respecto, mais o BNG non ten constancia de que se teña avanzado o máis mínimo neste sentido”.

“Habería que traer un articulado completo e do conxunto de impostos e taxas municipais, sempre se fixo así: impostos e taxas”, subliñou, “mais é a primeira vez que só se traen a debate os impostos municipais sen abordar de xeito conxunto a revisión das taxas e prezos públicos, o que ofrece unha visión parcial”.

Ademais, Rubén Cela afirmou que non existe “unha memoria económica, merecente de tal nome, a respecto das propostas realizadas por parte do grupo de goberno, para coñecer canto máis se estima que se vai recadar a costa da veciñanza, canto vai ser a suba media en cada ámbito do Concello, cal é o custe estimado das novas exencións e bonificacións e a que pensa dedicar o goberno municipal eses ingresos extra”.

Para o BNG, Compostela Aberta parte de dúas premisas que, “cando menos, son máis que discutíbeis”, que Santiago ten unha “moi baixa” presión fiscal porque só analiza o tipo de gravame do IBI e o resto das cidades galegas. A presión fiscal haina que avaliar no seu conxunto, con todos os impostos e todas as taxas, explicou, e se analizamos iso comprobaremos como non é certo que a presión fiscal en Santiago sexa das máis baixas de Galiza, senón todo o contrario. Para o caso concreto do IBI, “é un erro comparar exclusivamente os tipos de gravame; hai que comparalos tendo en conta a revisión da ponencia de valores en cada caso”. Ademais, para valorar se unha presión fiscal é alta ou baixa haberá que póla en relación aos servizos recibidos, indicou.

Rubén Cela sostén que se pode empregar un imposto como o IBI para mellorar a progresividade fiscal, porén “cando pasas o tipo de gravame do IBI para bens de natureza urbana do 0,54% ao 0,57% estalles subindo os impostos a todos: ricos e pobres”. Así, puxo como exemplo que “cando sobes o imposto de circulación a todos os vehículos, sexa un Ferrari, unha furgoneta dun autónomo ou un utilitario dunha persoa en paro, se lle aplica na mesma proporción a presión fiscal a ricos e pobres”.

Ademais, indicou que é necesario conseguir novos recursos para, por exemplo, duplicar o gasto social; agora ben, a suba dos impostos non é a única vía de conseguir eses recursos e así aludiu á loita contra a fraude fiscal (cantos vados nesta cidade non pagan?), á revisión de taxas e prezos públicos, á mellor xestión para conseguir novos fondos (Europa, Estado, Xunta, Deputación) e xestionar mellor (redución gasto superfluo e non perda de fondos: obras Vista Alegre, Depuradora Silvouta, etc.)

Na proposta de Compostela Aberta existen múltiples aspectos que “desde o grupo municipal do BNG apoiamos decididamente e, de feito, temos que recoñecer que Compostela Aberta asumiu unha parte importante das propostas que o noso grupo lle trasladou en materia de bonificacións e exencións”. Aínda así, considera “imprescindíbel” revisar varias cuestións, fundamentalmente a proposta de suba do tipo urbano do 0,54 ao 0,57 ou outras como o novo modelo seguido de bonificación para familias numerosas.

Para Rubén Cela, “non abonda con informar e dialogar, é preciso consensuar”. Para iso, “é imprescindíbel estar disposto a ceder e non manter posicións de máximos inamovíbeis”, advertiu.