O BNG anima a saír á rúa este domingo con elementos do traxe galego

O BNG anima a saír á rúa este domingo con elementos do traxe galego

Considera que cómpre manter e incrementar a presenza do traxe galego na programación das festas locais da capital de Galiza

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2015.- A cidade de Santiago, no marco da celebración das festas do Apóstolo, vai acoller o vindeiro domingo a XXXVI edición do Día do Enxalzamento do Traxe Galego, unha xornada en que, da man da Asociación do Traxe Galego, persoas de todas as idades percorren as rúas e prazas da cidade ataviadas coa vestimenta tradicional. O BNG fai un chamamento para apoiar a actividade e, nomeadamente, convida a saír á rúa con algunha peza tradicional co obxectivo de manter viva esta expresión da cultura propia do noso país, que é tamén un dos elementos da súa identidade.

Así, o BNG anima a lucir o traxe completo ou ben a vestir pezas soltas da roupa tradicional, como camisa, chapeu, saia, brincos ou mantóns, por exemplo.

Na actualidade, a Asociación do Traxe Galego de Santiago fai un intenso labor de promoción, uso e dignificación do traxe, ademais de incentivar a investigación mediante a concesión dun premio, único en Galiza, que recoñece os mellores traballos descritivos ou analíticos sobre a vestimenta tradicional.

O traxe tradicional é unha parte substancial da cultura de Galiza, por iso o BNG considera que cómpre manter e incrementar a presenza do traxe galego na programación das festas locais da capital de Galiza.

O BNG anima a saír á rúa este domingo con elementos do traxe galego