ELECCIÓNS

O BNG aposta por crear un servizo de asesoramento legal, asistencia psicolóxica e orientación laboral para as persoas LGBT

BNG
BNG

Goretti Sanmartín participa nun debate electoral este venres en Políticas

O BNG aposta por crear un servizo de asesoramento legal, asistencia psicolóxica e orientación laboral para as persoas LGBT

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019.- O BNG de Santiago inclúe no programa electoral medidas para brindar apoio ás asociacións LGBT, así como para estabelecer un diálogo continuo e estreito con elas para o tratamento das necesidades do colectivo, para a elaboración de medidas lexislativas e campañas de concienciación e contra a discriminación. A candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, participará este venres no debate electoral organizado por Avante LGBT ás 18:00 na Facultade de Ciencias Políticas.

Para o BNG, é necesario estabelecer un servizo de asesoramento legal, de asistencia psicolóxica e de orientación laboral para as persoas LGBT desde o Concello de Santiago de Compostela. Para iso é necesario un plan de formación destinado ao funcionariado municipal para garantir unha atención axeitada a persoas do colectivo. Comprométese tamén a instar ás diferentes administracións a que emitan a documentación conforme á identidade de xénero sentida sen necesidade dun cambio previo do DNI.

Ademais, o BNG quere facer do Concello un axente de diálogo interinstitucional, que envolva os diferentes ámbitos ligados á temática como Universidade, Xunta de Galiza e Unidade Centralizada de Atención a Persoas Transexuais, para aproveitar a situación especial de Compostela como capital nacional e coa sede destas institucións.

Entre as propostas incluídas no programa está aproveitar a rede de centros cívicos e socioculturais existente para estender campañas e actividades de sensibilización para contribuír a combater o machismo e a LGBTfobia.

Aposta tamén por elaborar un programa a nivel municipal que leve aos colexios e institutos palestras, obradoiros e proxectos no ámbito LGBT en contacto coas asociacións, fomentando especialmente a formación do profesorado e persoal administrativo dos centros de ensino.

Dispoñer nas bibliotecas públicas dunha sección de recursos audiovisuais e escritos específicos; apoiar os proxectos culturais e artísticos de temática LGBT; organizar en conxunto coas asociacións LGBT, actividades como ciclos de cine, así como a proxección de material audiovisual, dentro da idea de Santiago como cidade de encontro e acollida, son outras das medidas que impulsará o BNG despois das eleccións municipais.

Ademais, o BNG quere impulsar a realización dun congreso internacional interdisciplinar en colaboración coa USC no que se presente o traballo dos equipos de investigación, convertendo a Compostela en referente en materia LGBT e promovendo a existencia dun grupo de investigación neste eido con profesionais de distintas áreas.

O BNG aposta por crear un servizo de asesoramento legal, asistencia psicolóxica e orientación laboral para as persoas LGBT