ELECCIÓNS

O BNG aposta por remunicipalizar o Palacio de Congresos para crear un novo catálogo de servizos

Reunión con Santiago Hostalaría
Reunión con Santiago Hostalaría

Goretti Sanmartín reuniuse con Santiago Hostalaría para contrastar ideas para o programa electoral

O BNG aposta por remunicipalizar o Palacio de Congresos para crear un novo catálogo de servizos

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con Santiago Hostalaría para presentarlles un avance do programa electoral onde anunciou a intención de remunicipalizar o Palacio de Congresos “para crear un novo catálogo de servizos en consonancia cunha política de captación en colaboración coa USC e asociacións empresariais de toda Galiza”.

Na reunión, que contou coa participación de membros da candidatura como Rubén Cela, Lois Calvelo e Xosé Quintáns, falaron tamén das medidas para avanzar cara a outro modelo de turismo e dotar de maior vida e habitabilidade a zona histórica. Sinalaron as distintas modalidades de turismo polas que aposta o BNG como o turismo verde, gastronómico, idiomático, cultural e artístico, entre outros.

Unha das medidas que levará o BNG no programa é a remunicipalización do Palacio de Congresos, para permitir crear un novo catálogo de servizos para comezar en 2021, con novos eventos expositivos. Estudará tamén ampliación do Palacio de Congresos coa dotación de infraestruturas necesarias mediante a construción dunha nave diáfana anexa en San Lázaro.

“Faise necesario un cambio na política de captación de congresos, en colaboración coa USC e as asociacións empresariais de toda Galiza para promocionar Santiago como base de iniciativas congresuais”, explicou a candidata do BNG.

“O BNG está interesado tamén en que o Concello de Santiago xestione as axudas e promocións que a UE continúa a ter de cara a un turismo centrado nos feitos vertebradores de Europa, como son os Camiños de Santiago que parten de Italia, Alemaña, Polonia e Francia, entre outros”, sinalou Goretti Sanmartín.

O BNG recolleu as propostas de Santiago Hostalaría para a creación dunha feira do viño en Santiago de Compostela, para dar a coñecer os caldos galegos; a posta en marcha de programas de actividades para fomentar o turismo gastronómico con eventos que atraian visitantes e contribúan á desestacionalización; ademais de incluír na axenda grandes eventos gastronómicos para enxalzar os pratos elaborados con cabra e uñas, de longa tradición culinaria.