O BNG-Asembleas Abertas contrasta propostas do programa electoral co pedagogo Tonucci

O BNG-Asembleas Abertas contrasta propostas do programa electoral co pedagogo Tonucci

tonucci.reFrancesco Tonucci: “Se queremos que os nosos fillos e fillas poidan vivir nunha cidade ben gobernada, xusta e democrática temos que cambiar o modelo urbano”

Rubén Cela: “Para o BNG, Tonucci sempre foi unha referencia en materia de mobilidade para concibir unha cidade onde as persoas sexan absoluta prioridade”

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015.- Unha representación da Comisión de Mobilidade que elabora o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas de Santiago de Compostela mantivo unha reunión co pedagogo italiano Francesco Tonucci, un experto en mobilidade e educación ambiental recoñecido internacionalmente pola súa concepción de facer as cidades a escala das persoas.

En declaracións aos medios ao remate da xuntanza, o candidato Rubén Cela explicou que contrastaron as alternativas que o BNG-Asembleas Abertas van incluír na proposta de programa electoral para as municipais. “Para o BNG, Tonucci sempre foi unha referencia en materia de mobilidade para concibir unha cidade onde as persoas sexan absoluta prioridade e, de feito, onde temos responsabilidade de Goberno como en Pontevedra os piares expostos na publicación ‘A Cidade dos Nenos’ xa se aplican cunha perspectiva de pacificar o tráfico e de facer unha cidade máis humanizada, onde os nenos e nenas poidan ir sos, non só á escola senón en calquera ámbito da vida”.

Así, explicáronlle a Tonucci as especificidades de Santiago de Compostela para coñecer a súa valoración das propostas do BNG á hora de elaborar a alternativa programática “da man dunha persoa coa súa experiencia, prestixio e recoñecemento”.

“Unha cidade boa para os nenos e nenas é unha cidade para as persoas”, afirmou Tonucci. Explicou que o erro que se cometeu na reconstrución das cidades, nomeadamente despois da Segunda Guerra Mundial, foi escoller “un modelo de cidadán que podemos definir como varón, adulto e traballador”; por este parámetro creouse “a cidade moderna e o seu xoguete preferido, o coche, ten un papel moi importante nas decisións urbanísticas”.

Segundo afirmou, isto produciu “desastres até diminuír a esperanza de vida, pois nós seremos a primeira xeración da historia da humanidade que vai legar unha menor esperanza de vida aos nosos fillos e netos e iso é unha vergoña que non se pode tolerar”, indicou, por iso “é necesaria a urxencia do cambio, que significa que se queremos que os nosos fillos e fillas poidan vivir nunha cidade ben gobernada, xusta e democrática temos que cambiar as cidades”. Mais enfatizou que “non se trata de incrementar os servizos para a infancia con máis parques infantís, estes son para os adultos que non saben onde pór aos nenos e nenas”. A solución proposta por Tonucci pasar por “cambiar a cidade para que sexa acolledora para todos e todas, é necesario que as crianzas poidan saír soas da casa e vivir experiencias fundamentais como é o xogo, estratexias e actitudes que o leven a afrontar a vida”.

O modelo urbano de Pontevedra, con Alcaldía do BNG, está inspirado no seu ideario, en que destacan os denominados "camiños escolares", onde se impulsaron criterios de mobilidade para primar a seguridade peonil, a autonomía infantil e a sustentabilidade, ademais de gañar espazos da cidade para as persoas sobre o uso dos vehículos, onde se favorece o pequeno comercio e os espazos para o encontro e o lecer.

"A cidade dos nenos", unha das súas publicacións, ofrece solucións concretas de mobilidade e expón resultados aos problemas urbanos que, con frecuencia, se dan nas cidades que supeditan o uso dos vehículos ao tránsito peonil, en detrimento da calidade de vida e da economía local.

Á reunión, ademais de Rubén Cela, asistiron Goretti Sanmartín, número 2 da candidatura e responsábel de Implantación e Estratexia Municipal; e Pilar Lueiro, número 6 da candidatura e responsábel de campaña.

O BNG-Asembleas Abertas contrasta propostas do programa electoral co pedagogo Tonucci