PLENO

O BNG avoga por eliminar as reválidas e derrogar a LOMCE

reválida
reválida

Traslada unha moción ao Pleno para instar á Xunta a defender as competencias que fortalezan o ensino público

O BNG avoga por eliminar as reválidas e derrogar a LOMCE

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou unha moción para instar á Xunta de Galiza á eliminación das reválidas, conscientes das nefastas e lesivas consecuencias que supoñen, por seren un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta.

Ademais, require a esixencia de que a Xunta da Galiza lle solicite ao Goberno do Estado a derrogación da LOMCE e tamén instar á Xunta a defender as nosas competencias en materia de ensino para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país.

“A aplicación da LOMCE consagra cuestións totalmente negativas para o sistema educativo por ser fondamente centralizadora, clasista e sexista, mercantilizar a educación e afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático”, recolle o texto da moción. “Cómpre lembrar que xa a súa elaboración foi sen diálogo social e sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política”, prosegue.

Ademais, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisíbel ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español e veta o dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico.

Para alén doutras consideracións, a inclusión a proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Obedecen, pois, a unha concepción clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación nun contexto no que xa as progresivas privatizacións e recortes do sistema público de ensino limitan os recursos para facer real o principio de igualdade de oportunidades.