FEMINISMO

O BNG chama a participar no acto “Acoso e delito sexual a debate, o papel da Xustiza" incluído na programación do 25N

goretti.acto25N
goretti.acto25N
Contará coa portavoz nacional Ana Pontón, coa fiscal de violencia de xénero Pilar Fernández, con Alba Barcia de Galiza Nova e Goretti Sanmartín
O BNG chama a participar no acto “Acoso e delito sexual a debate, o papel da Xustiza" incluído na programación do 25N

Será o xoves 21 de novembro ás 19:00 na aula 11 da Facultade de Dereito

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019.- O BNG e Galiza Nova organizan o acto “Acoso e delito sexual a debate, o papel da Xustiza” enmarcado na programación do 25N, Día para a Eliminación das Violencias contra as Mulleres, que contará con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Pilar Fernández, fiscal especialista en violencia de xénero; Alba Barcia, da asemblea de mulleres de Galiza Nova; e Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago. Será o xoves 21 de novembro ás 19:00 horas na aula 11 da Facultade de Dereito.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, “o BNG quere poñer de relevo este ano o tema do acoso e do delito sexual, sabemos que hai unha proliferación de casos e cuestións que hai que abordar desde o ámbito xurídico, da educación e da sensibilización; mais queriamos centrar a campaña cun acto sobre o papel da Xustiza”.

Así convidou a participar nesta mesa redonda sobre o acoso e delitos sexuais a todas as persoas interesadas, de maneira especial ao estudantado universitario. “Se non mudamos esta xustiza patriarcal, vai ser difícil combater o acoso e os abusos sexuais, necesitamos para iso dar pasos grandes que se deron na violencia de xénero, como cando deixan de pertencer ao ámbito privado por pasar a considerarse un delito público ou que sexa perseguíbel como delito independentemente da denuncia”, explicou. “Tamén é preciso dar este salto sobre a violencia sexual”, engadiu.

Para o BNG, cómpre modificar a modificación estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul, de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fixo a lei galega no ano 2007. Estará no debate tamén a necesidade de crear xulgados exclusivos de violencia de xénero en todas as cidades galegas.

Hai que ter en conta que o Consello Xeral do Poder Xudicial estima que, cando menos, un 20% das agresións sexuais non son denunciadas. Tanto a Fiscalía do Estado como diferentes voces da Xustiza galega advirten dun aumento da violencia machista e dos delitos contra a liberdade sexual, onde os abusos sexuais incrementan a súa brutalidade e alertan dun posible efecto imitación das agresións en grupo. Ademais, ano a ano se incrementan os delitos por parte de menores de idade que cometen agresións sexuais.

O BNG esixe da Xunta un incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero que, como mínimo deben situarse no 1% en 2020, para dispor de partidas específicas para mellorar a atención á violencia sexual. Outro dos puntos que reclama o BNG é garantir a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual.

En 2018, Galiza rexistrou 540 delitos de tipo sexual, o que supón un aumento do 17% respecto do ano anterior; isto supón que en Galiza se denuncia de media máis dunha agresión diaria.

O BNG chama a participar no acto “Acoso e delito sexual a debate, o papel da Xustiza" incluído na programación do 25N