FESTAS

O BNG congratúlase de que as instalacións de feira teñan un horario sen música e ruído

Recibiu a queixa da cancelación das “Festas con Alborada” con grupos de música tradicional e da falta de descentralización de actividades nos barrios

O BNG congratúlase de que as instalacións de feira teñan un horario sen música e ruído

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG anima a veciñanza de Compostela a participar nas festas, tanto nas actividades programadas polo Concello de Santiago como nas celebracións do Día da Patria e do Festigal.

En canto ás actividades do Concello, a portavoz municipal considera variada a programación, pese a que bota en falta a descentralización por barrios, como demandaba o asociacionismo do rural, xa todas as actividades son na alameda e na Cidade histórica.

Outra das queixas recibidas foi a través de diversas entidades e colectivos, entre eles, ‘Músic@s ao vivo’ e a asociación cultural O Castro de Figueiras, pola cancelación da iniciativa das ‘Festas con Alborada’ aprobada nos Orzamentos participativos con 18.000 euros e na que levaban tempo a organizar 11 entidades e perto de 200 artistas que daban visibilidade ao patrimonio musical galego mediante pasarrúas diarios. Nese sentido, o BNG considera que esa cantidade era asumíbel, tendo en conta o orzamento global das festas, e que ía contribuír a lle dar visibilidade ao labor dos grupos de música tradicional de Compostela.

Goretti Sanmartín considera tamén, como un dos aspectos positivos, que as atraccións da Alameda teñan horario inclusivo sen ruído de 17.00 h. a 19.00 h. os días 23, 25, 27 e 30, ao aceptar a proposta do BNG de xestionar cos feirantes a eliminación da música, megafonía e foguetes nese horario para que nenos e nenas con distintas capacidades poidan gozar das atraccións das festas.

A portavoz municipal lembra tamén que a noite do 24 e a tarde do 25 de xullo o Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, terá máis de 100 actividades de balde entre concertos, presentacións de libros, espazo de xantar, charlas, deportes, zona de asociacións e venda de artesanía. En canto aos concertos do Festigal, estarán a italiana Banda Bassotti, que actuará xunto con Brassica Rapa, Arrhtyhmia e De Ninghures na véspera do Día da Patria de 2019. Para o 25 de xullo estarán Güintervan, DudeCan e Pandereteiras de Berducido tamén no campus sur.