PLENO

O BNG consegue crear o Consello de Participación e Transparencia “porque Bugallo suspende en democracia”

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Aprobouse unha moción para recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla, como demanda a asociación veciñal Ruta Xacobea
O BNG consegue crear o Consello de Participación e Transparencia “porque Bugallo suspende en democracia”

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020.- O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar unha proposición no Pleno para crear o Consello de Participación e Transparencia “para favorecer a democratización na toma de decisións e posta en marcha dos acordos plenarios, porque Bugallo suspende en democracia”, sinalou Goretti Sanmartín. Incidiu ademais na intención “de procurar o encontro e respecto institucional desde o Goberno local do PSOE cara aos grupos da oposición e o asociacionismo, ante o intento de silenciar a súa representatividade”. BNG, CA e PP votaron a favor e o PSOE abstívose en tres dos apartados do acordo.

Deste xeito, o acordo sinala que se incluirá en cada Pleno ordinario un punto na orde do día para informar do seguimento das iniciativas aprobadas no último trimestre e das xestións realizadas para a súa execución. Ademais, abrirase un espazo web para facer seguimento dos asuntos aprobados no Pleno con data de aprobación, inicio do expediente e estado da tramitación para que calquera veciña ou veciño poida saber se unha proposición e moción foi aprobada e a súa situación administrativa. Outro dos puntos é para a emisión por streaming da rolda de prensa da Xunta de Goberno, ademais das sesións plenarias ordinarias e extraordinarias, para dar a coñecer información de relevancia e os acordos aprobados. Tamén se posibilitará a asistencia de representantes dos grupos municipais como persoas observadoras ás mesas de contratación e se convocarán os consellos de participación coa periodicidade requirida para mellorar a interlocución da Administración local co tecido asociativo e veciñal.

Aprobouse unha moción do BNG para recuperar o patrimonio cultural e natural da Lavacolla, como demanda a asociación veciñal Ruta Xacobea, ademais de realizar as xestións necesarias para a dotación de servizos básicos e mellora de infraestruturas na parroquia de Sabugueira que dependan do Concello, á parte de instar o Goberno do Estado a executar a conexión das antigas estradas N-634 e N-547. Apróbase cos votos de BNG, CA e PP. O PSOE abstense.

Outra das mocións foi para impulsar a creación dun cemiterio público de mascotas comarcal en Santiago de Compostela en colaboración co Refuxio de Animais, o seu Padroado e asociacións de defensa dos dereitos dos animais. Apróbase cos votos a favor de BNG e CA; abstencións de PP e PSOE.

Goretti Sanmartín defendeu unha moción para que o Goberno local realice unha actuación de reforma integral, comezando xa neste 2020, para a reurbanización da zona da avenida de Salamanca, da avenida de Coimbra, da rúa Oviedo e da rúa Ultreia co fin de gañar accesibilidade, pavimentar a rede viaria, ordenar o tráfico e, en definitiva, recuperar os espazos públicos para a veciñanza. Apróbase a moción cos votos a favor de BNG, CA e PP. O PSOE abstense.

Rexistrouse tamén unha moción conxunta de BNG, PSOE e CA que aglutina os contidos das presentadas por BNG e CA para apoiar as mobilizacións e reivindicacións do movemento feminista galego para a celebración do 8 de marzo de 2020, nomeadamente aquelas que teñen que ver cos coidados, o dereito a unha sanidade pública e de calidade e o dereito a vivir no rural con dignidade. Entre outros puntos, reclámase incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero, que deben situarse en torno ao 1% dos Orzamentos da Xunta e incrementar a dotación orzamentaria ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de xeito acorde ao acrecentamento das competencias por parte das administracións locais para poder asumir e exercer esas funcións cos recursos económicos precisos, ademais de impulsar un Pacto para a Conciliación Laboral e a Racionalización de Horarios. Apróbase a moción conxunta do 8M cos votos de BNG, PSOE e CA a favor e a abstención do PSOE. A moción do PP apróbase cos votos de PP e PSOE e a abstención de BNG e CA.

Outra iniciativa foi para reclamarlle ao alcalde que convoque reunións coa veciñanza de San Ignacio de Loyola para explicar as medidas que se prevén adoptar neste barrio coñecido como “Banco do Pobre” co obxectivo de facilitar o consenso das propostas de actuación para a rehabilitación das vivendas en función das súas necesidades e posibilidades económicas. Lembrou Goretti Sanmartín que o alcalde aínda non os recibiu, pese á solicitude de reunión, e que debe saldar a débeda histórica por un longo proceso que desvalorizou as súas propiedades.

Outras das preguntas foron para saber as xestións do Concello ante a Xunta para rematar o proceso de concentración parcelaria de Villestro e Figueiras e para a instalación dunha marquesiña na Barcia que dea servizo ás persoas usuarias de transporte público do Centro Superior de Hostalaría e á veciñanza.

Un dos rogos foi encamiñado a que se destinen maiores partidas orzamentarias no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas de nova baremación e con maior urxencia na asistencia sen que recaia  a penalización sobre quen está agardando a prestación. Inclúe tamén que se abra un expediente á empresa licitadora que incumpre as obrigas coas e cos traballadores e aplica recortes no servizo. Ao abeiro desta iniciativa interveu ao inicio do Pleno María Dolores Dopazo, con familiares afectados por este tema.

Ademais, o BNG reclamou un plan, cun cronograma público de actuación, para o arranxo e mantemento de beirarrúas para mellorar o enlousado, a accesibilidade, a seguranza e a calidade estética.

 

O BNG consegue crear o Consello de Participación e Transparencia “porque Bugallo suspende en democracia”