ORZAMENTOS

O BNG consegue que se dupliquen as axudas para comedores e material escolar nos Orzamentos 2018

Rubén Cela defendeu na negociación un plan de emprego xuvenil, un plan de supresión de barreiras arquitectónicas, un plan de prevención de incendios e facilidades para o pago fraccionado de impostos

O BNG consegue que se dupliquen as axudas para comedores e material escolar nos Orzamentos 2018

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, nunha primeira valoración dos Orzamentos municipais para 2018, sinalou que na negociación se conseguiron incluír medidas de protección social, creación de emprego, protección do medio ambiente e accesibilidade.

“Encaramos este proceso coa vontade real de chegar a acordos positivos para a cidade, pero advertindo de que non eran a calquera prezo e tendo en conta que a experiencia dos pasados anos revela que o grao de execución foi do 22% en 2016 e do 9% nos tres primeiros trimestres de 2017, ademais do escaso grao de cumprimento dos acordos de 2017, explicou.

Referiuse tamén a que agarda “que non sexa certo o que dicía a concelleira de Facenda, María Rozas, de que os Orzamentos serán continuístas porque sería un mal negocio se seguen sen executar o 80% dos investimentos e incumprindo unha boa parte dos acordos”, afirmou.

Ademais, para Rubén Cela, “acabáronse as escusas da herdanza recibida, da dificultade gobernar en minoría e da dificultade económica pois será o orzamento máis alto dos últimos 8 anos”, explicou.

“Apreciamos cuestións positivas nesta proposta”, destacou, “ao incluír os acordos do ano pasado como o aparcadoiro do Conservatorio e a pista de skate”, entre outros, ademais da incorporación de diversas medidas que se puxeron sobre a mesa por parte do BNG como duplicar as axudas para comedores e material escolar, axuda no fogar, plan de supresión de barreiras arquitectónicas, plan de emprego xuvenil, plan de prevención de incendios forestais e facilidades para o pago fraccionado de impostos.