O BNG consegue o “pagamento á carta” e a bonificación do IBI ao 35% na vivenda de protección

O BNG consegue o “pagamento á carta” e a bonificación do IBI ao 35% na vivenda de protección

Rubén Cela afirma que houbo un intento de enganar a cidadanía por parte de Compostela Aberta, “porque nin a presión fiscal de Santiago é baixa nin a súa proposta era progresiva: era unha suba xeneralizada de impostos”

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015.- Entre as emendas do BNG ás ordenanzas fiscais aprobadas no Pleno figura o pagamento á carta, cun fraccionamento dos impostos municipais en función da escolla de cada persoa cun máximo de 12 meses; e outra para subir a bonificación ao 35% no IBI das vivendas de protección pública.

O BNG mantivo unha posición “coherente e permanente” no proceso de tramitación das ordenanzas fiscais, cun “non rotundo a unha suba indiscriminada dos impostos en Santiago de Compostela e cunha aposta decidida e valente por novas bonificacións para a xente que o está a pasar peor”, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.

“Iso foi o que defendemos todos estes últimos anos cun Goberno do Partido Popular e é o mesmo que defendemos diante do Goberno de Compostela Aberta, igual que cando temos responsabilidade de Goberno nunha cidade como vén de facer o BNG en Pontevedra, avogando pola conxelación de impostos e por novas bonificacións fiscais”, sinalou o portavoz nacionalista en Raxoi.

Segundo explicou Rubén Cela, durante este proceso houbo “un intento de engano á cidadanía por parte do Goberno municipal” porque “non é certo, como demostrou onte o BNG no Pleno, que a presión fiscal en Santiago de Compostela fose baixa e que, polo tanto, había que subir impostos para axustarnos á media”. “Non é certo que a proposta de ordenanzas de Compostela Aberta fose progresiva, era unha proposta de suba xeneralizada dos impostos”, engadiu. Tamén é curioso que Compostela Aberta se sumase a PP e PSOE para tombar a proposta máis social das debatidas: a bonificación do 50% no IBI nas vivendas de persoas desempregadas.

Rubén Cela subliñou que houbo moitas reunións, pero nas que non se avanzaba no achegamos de posicións, a mostra máis evidente é que só se foi capaz de chegar a acordo unánime antes do Pleno, a respecto das familias numerosas. Ademais, considerou erróneo que o Goberno non asumise o ditame da Comisión de Facenda que, entre outras cousas, aprobaba un tipo do 0,54%

Ademais, indicou que “pouco favor lle fará Compostela Aberta á cidade se nos vindeiros meses dedica máis tempo a facerlle oposición á oposición que a gobernar”. Tampouco é responsábel “que a 5 meses de comezar o alcalde ameace con tramitar uns orzamentos vinculados a unha cuestión de confianza, cando estamos en novembro e nin comezamos a falar das contas de 2016 polo que, para empezar, non se aprobarán en tempo e forma”.

O BNG consegue o “pagamento á carta” e a bonificación do IBI ao 35% na vivenda de protección