ORZAMENTOS

O BNG considera “inxustificábel” a demora na execución das propostas dos Orzamentos participativos de 2017

O tractor para rozar, que fora a que máis votos do asociacionismo recibiu, foi a Xunta de Goberno hai 5 meses e aínda non foi comprado

O BNG considera “inxustificábel” a demora na execución das propostas dos Orzamentos participativos de 2017

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018.- O grupo municipal do BNG advírtelle ao Goberno de Compostela Aberta que van 5 meses dende que se iniciou o expediente en Xunta de Goberno para a compra do tractor desbrozador aprobado nos Orzamentos participativos para 2017. O BNG considera “inxustificábel” esta demora para executar o resultado dunha votación realizada hai máis dun ano.

En xuño de 2017 o grupo municipal do BNG de Santiago recordoulle ao equipo de Compostela Aberta que non adquirira aínda daquela o vehículo desbrozador que se aprobara nos Orzamentos participativos a instancias das asociacións veciñais do rural, polo que non ía estar operativo na campaña de prevención de incendios dese ano. Esa fora a proposta que acadara máis votos nas parroquias do rural, con 410 persoas que a secundaron e 5.140 puntos finais.

Así, o BNG realizoulle unha pregunta ao Goberno de Compostela Aberta para coñecer a previsión da data para a compra deste vehículo, que estaba consignado nos Orzamentos con 120.000 euros, pois poderíase usar nas dúas cortas de vexetación anuais recomendadas para a prevención de lumes forestais. A resposta chegou en setembro, cando foi o expediente a Xunta de Goberno para iniciar a tramitación. Cómpre lembrar que o verán pasado se asinou o contrato para os traballos de roza nas estradas e gabias das pistas das parroquias de Compostela por 220.000 euros.

Outra das propostas que fora aprobada e tampouco se executou foi a instalación de paneis de comunicación social para a difusión de información pública. En concreto, aprobárase colocar 240 paneis cun orzamento asignado de 72.000 euros. Esta idea obtivera 342 apoios.

Tampouco se realizaron aínda os catro parques infantís cubertos, tan só se iniciou o procedemento para o das Fontiñas e do Castiñeiriño; faltan tamén a sinalización das aldeas e lugares que compoñen as parroquias, o cambio de luminarias e adecuación de horarios; e quedan pendentes obras de accesibilidade nas beirarrúas e dos pasos de peóns das Fontiñas.

Para o BNG, estas demoras inxustificadas demostran a escasa credibilidade que lle outorga o Goberno de Martiño Noriega ao proceso de Orzamentos participativos, posto que os acordos de 2017 non foron prioridade pese a estaren consignados nas contas municipais e seren demandas colectivas.