ELECCIÓNS

O BNG convoca comisións sectoriais para trazar a folla de ruta que guiará o traballo da candidatura encabezada por Goretti Sanmartín

Código QR
Código QR

Calquera persoa pode enviar propostas mediante unha aplicación QR que se incluirá nas distintas publicacións informativas e na web http://santiago.bng.gal

O BNG convoca comisións sectoriais para trazar a folla de ruta que guiará o traballo da candidatura encabezada por Goretti Sanmartín

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019.- O BNG organiza comisións sectoriais co lema “Santiago merece máis” para a elaboración do programa electoral, coa participación de profesionais especializados en cada materia, militantes e simpatizantes que queren achegar as súas propostas para a folla de ruta que guiará o traballo da candidatura encabezada por Goretti Sanmartín despois do 26M.

Neste sentido, creáronse catro comisións a partir dun documento común para análise e debate ao entender que as políticas teñen que ser transversais en cada área. A primeira reunirase este venres ás 17:00 horas co eixo de urbanismo, mobilidade, rural e ambiente; e a segunda ás 19:00 horas sobre benestar, igualdade, deportes e mocidade. Na seguinte xornada, o sábado comezarán ás 10:30 con economía, industria, infraestruturas, comercio e turismo; para continuar coa comisión de cultura, educación, lingua, patrimonio e memoria histórica.

Deste xeito, xunto coas achegas dos encontros veciñais e sectoriais, que está a realizar o primeiro tramo da candidatura, ademais das propostas xurdidas nos ‘Cafés co BNG’ quérense definir e contrastar as liñas mestras que deberán guiar o rumbo do BNG de Santiago de Compostela nos vindeiros anos.

Ademais, nesta campaña cóntase cunha aplicación QR que se incluirá nas distintas publicacións informativas e na web http://santiago.bng.gal para as persoas que, a título individual, queiran deixar as súas mensaxes e contribuír a mellorar as zonas urbanas e rurais de Santiago de Compostela da man do BNG.