ELECCIÓNS

O BNG creará a planta de compostaxe para aplicar os tres R de reducir, reutilizar e reciclar

presentacion.programa.ambiente
presentacion.programa.ambiente

Con este sistema de tratamento de residuos orgánicos crearanse 150 postos de traballo directos e mellorará a calidade ambiental de Compostela

O BNG creará a planta de compostaxe para aplicar os tres R de reducir, reutilizar e reciclar

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2019.- “A calidade ambiental é sinónimo de calidade de vida e o BNG, ao seu paso polo goberno, sempre defendeu políticas ambientais, de recuperación dos ríos, posta en valor dos parques, ampliación das redes de abastecemento e de saneamento”, explicou Goretti Sanmartín Rei, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago.

Lembrou tamén que o BNG rompeu o pacto de goberno en 2003 cando o PSOE, con Bugallo como alcalde pactou co PP a entrada en Sogama, “fronte a aposta pola reciclaxe e polo modelo de compostaxe de Lousame en que nós queriamos entrar; o tempo demostrou que tiñamos razón”, engadiu.

Se calquera habitante de Galiza produce unha media de 1 kg ao día, Sogama só recicla 3 kg de cada 100 que recibe. Hoxe, porque tamén se inclúen as fraccións de cartón e de vidro, Santiago sitúase tan só arredor do 12% da reciclaxe. En 2020, a Unión Europea marca que temos que reciclar o 50% dos residuos domésticos. “Para cumprir esta directiva, o traballo tiña que estar moi avanzado porque pasaron 4 anos e non se moveu nada”, explicou.

Nese sentido, advertiu de que houbo queixas do persoal de Urbaser, ademais das constantes da veciñanza, e non se solucionou nada. “Mesmo publicaron uns pregos para a nova contratación sen contar con ninguén” e publicitan un tempo de consultas despois de que acabase a prórroga da empresa concesionaria en abril.

Cómpre mellorar o estado dos camións, incrementar o persoal, facer cumprir o estipulado no prego en canto ao desleixo do servizo, como o lavado periódico de contedores, á limpeza da maleza das beirarrúas e ao propio mantemento dos contedores no relativo a tapas, pedais rotos e bo estado hixiénico. Tamén é necesaria a reorganización de rutas para que a recollida sexa moito máis frecuente, pois pese incrementar o número de colectores non foi así o número de camións nin de persoal.

“Desde o BNG apostamos por promover a compostaxe caseira e comunitaria, para o rural e as zonas verdes”, afirmou. Os residuos orgánicos biodegradábeis representan o 42% da bolsa do lixo. Deste xeito, o BNG comprométese a implantar un proxecto piloto de recollida de lixo porta a porta en grandes produtores, hostalaría e mesmo zona histórica. Ademais, o BNG realizará campañas de sensibilización constantes entre o conxunto da poboación.

“Defendemos separar o orgánico do resto, como se fai na actualidade e apostamos polos 3 R de reducir, reutilizar e reciclar”, dixo. Cómpre traballar desde xa por dotar Compostela dunha planta de compostaxe que dea servizo a toda a comarca, faría falta unha nave cuberta de 10.000 m2, unha volteadora, un sistema de rego e maquinaria de afino. Esta planta é unha fonte de traballo, para 150 persoas directamente, para alén de mestras composteiras necesarias.

Zonas verdes, prevención de incendios e educación ambiental

En canto ás zonas verdes, hoxe especialmente revalorizadas, a xente ten os parques como zonas de lecer en Compostela. O programa do BNG inclúe facer practicábel toda a beira do Sar, manter os camiños de borde noutras contornas fluviais, consolidar a rede de hortas urbanas e mellorar a súa xestión, ademais de divulgar as características e valores dos parques e promover o turismo verde.

Iso vai en paralelo a medidas destinadas á prevención de incendios, para erradicar especies invasoras, como acacias e eucaliptos, primeiro nos espazos naturais e nas zonas senlleiras. Cómpre tamén executar o plan de prevención de incendios, en cooperación co Goberno galego nas faixas de protección dos núcleos de poboación.

Ademais, para o BNG é clave a educación ambiental, para o que prevé programas en centros de ensino e centros socioculturais, activar o funcionamento do Centro de Interpretación Ambiental de Belvís e a organización de itinerarios e visitas a espazos de interese.

O BNG creará a planta de compostaxe para aplicar os tres R de reducir, reutilizar e reciclar