CULTURA

O BNG cuestiona o “escurantismo” na xestión da Casa do Matadoiro

En Galiza existen programadores/as profesionais sen ter que buscar en experiencias madrileñas

O BNG cuestiona o “escurantismo” na xestión da Casa do Matadoiro

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG, sobre a xestión da antiga Casa da Xuventude da praza do Matadoiro, defende que “o futuro desas instalacións ten que pasar porque se inclúa na rede de centros socioculturais, por asignar un investimento mínimo no seu acondicionamento interior e por transparencia nas contratacións que se realicen para a súa xestión e para as actividades que alí se desenvolven”, indicou Rubén Cela.

Referiuse á falta de transparencia na xestión da Casa do Matadoiro, “é escurantista a todos os niveis”, afirmou. Lembrou que o grupo municipal do BNG presentou o 9 de decembro unha batería de preguntas, cunha demanda de documentación sobre os contratos, actividades, modelo de xestión que non obtiveron contestación.

Rubén Cela destacou tamén a confusión existente sobre a “autoxestión”, dixo, pois hai colectivos que realizan un traballo moi bo nesas instalacións, mais “autoxestión con pólvora do rei non é autoxestión”, en contraposición ao modelo do centro Ramón Cabanillas que é usado por Cantigas e Agarimos, asociación veciñal do Castiñeiriño, Trópico de Grelos, Asociación de Amizade con Cuba “Francisco Villamil”, entre outras.

Se o Goberno municipal repasase o regulamento de centros socioculturais, daríase de conta de que ese modelo de actuacións complementares entre administración e asociacionismo xa está previsto nese marco da Casa do Matadoiro. A pesar diso, sinalou que non se inclúe este espazo na rede de centros socioculturais “onde podía ter o paraugas da licitación pública, que algún día se fará, porque vai facer un ano sen contrato”. “Compostela Aberta está dando a xestión dos centros socioculturais a dedo a unha empresa e iso supón un importe de máis dun millón de euros anuais”, subliñou. “O BNG leva máis dun ano denunciando iso e alá cadaquén coas súas responsabilidades”, engadiu.

“En Santiago e en Galiza, en xeral, existe un elenco de programadores/as e dinamizadores/as culturais profesionais, bo e capacitados sen ter que buscar en experiencias madrileñas o modelo de xestión cultural para a nosa cidade”, explicou.

Aínda que o BNG respecta a decisión de Compostela Aberta de non derrubar ese edificio e, polo tanto, de non abrir o parque de Belvís e mellorar a mobilidade e o impacto visual dese espazo, “o problema é como cumpre esa promesa electoral”. De non tiralo, cómpre proceder ao seu arranxo “mais non se incluíu nin unha soa partida económica específica para arranxar esas instalacións, dende os aseos públicos, os espazos deteriorados ou o sistema de calefacción”.