PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para fomentar o uso de coches eléctricos

Resumo informativo das iniciativas do BNG no Pleno de maio de 2018

Apróbase a iniciativa do BNG para fomentar o uso de coches eléctricos

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha proposición destinada a adoptar medidas para incrementar o uso de vehículos eléctricos, concibidos como máis eficientes e ecolóxicos. Entre elas, propón a implantación dunha rede pública de recarga de baterías para vehículos eléctricos, ademais de facer un esforzo maior na propia flota de transporte público, nos vehículos municipais e das empresas concesionarias e nos taxis. Aprobouse por unanimidade.

Defendeu unha moción relativa á necesidade de manter os informativos locais e o Diario Cultural da CRTVG para contribuír a garantir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país que deben caracterizar este servizo público. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PSOE, o PP abstívose.

Outra das mocións foi para incrementar o nome das mulleres no rueiro compostelán co obxectivo de avanzar na correlación de xénero. A baixa representatividade das mulleres no rueiro de Compostela, que só ten 71 de 1.276 nomes de lugares, prazas, rúas, ruelas, travesas e avenidas está ben lonxe das pretendidas políticas da paridade de xénero, explicou a concelleira Goretti Sanmartín no Pleno. Deste xeito reclamou que o Concello de Santiago incorpore, de xeito inminente, os nomes de Begoña Caamaño, escritora e xornalista, para o parque das Fontiñas; e ao rueiro municipal Rosa Bassave, sindicalista libertaria; e Elena Mihaela Marcu, asasinada por violencia de xénero. O segundo punto da moción foi destinado a  incrementar, cunha discriminación positiva, os nomes de mulleres no rueiro municipal que contribuíron ao desenvolvemento social, político, científico, cultural, deportivo e económico en cada época co obxectivo de avanzar na correlación de xénero. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PSOE; o PP abstívose.

O BNG reclamou tamén que desenvolva un actuación integral urxente para a rúa da Fervenza e para a Travesía da Fervenza, en Conxo, para a adecuación de servizos e unha análise e solución para as zonas inundábeis. Aprobouse por unanimidade. Outra das iniciativas foi destinada a pintar un paso de peóns na rúa Rosalía de Castro á altura das galerías que dan á rúa Nova de Abaixo. O Goberno comprometeuse a estudalo, con regulación semafórica.

Tamén se propuxo a revisión e adecuación en materia de accesibilidade da senda peonil do Sar, que presenta numerosas eivas para persoas quer con discapacidade quer con mobilidade reducida ou sensíbel, a pesar de ser un dos compromisos que deben asumir as administracións públicas en materia de accesibilidade cando fan obra nova.

Rubén Cela defendeu unha moción para que o Concello de Santiago de Compostela inicie, de urxencia, os procedementos para asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música co fin de ofrecer un servizo público de calidade que atenda os principios de equidade social e rendibilidade para as arcas públicas. O BNG e o PSOE votaron a favor da 'municipalización' ou asunción da xestión directa da Escola Municipal de Música. CA e PP abstéñense

A formación nacionalista realizou unha pregunta oral destinada a coñecer cando ten previsto o grupo de Goberno realizar as obras da terceira fase do proxecto “Rúa Basquiños/Rúa Pastoriza”, xa que constaba de tres fases e a última quedou sen executar, o que está a causar numerosos problemas de accesibilidade e seguranza viaria para a veciñanza. Outra das preguntas foi encamiñada a saber que xestións se realizaron por parte do Goberno local para garantirlle vivenda ás familias que ían ser desaloxadas na rúa de Touro, após do compromiso de declarar “Santiago de Compostela libre de desafiuzamentos” e da moción deste tema debatida no Pleno de decembro de 2017.