O BNG defenderá no Pleno a instalación de novas marquesiñas no rural e melloras de accesibilidade

O BNG defenderá no Pleno a instalación de novas marquesiñas no rural e melloras de accesibilidade

Propón buscar os fondos necesarios, en colaboración con outras administracións, para a posta en marcha deste programa en 2016 e favorecer o uso do transporte público

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2015.- O grupo municipal do BNG proporá no vindeiro Pleno a elaboración dun programa municipal destinado á adecuación e instalación de novas marquesiñas para favorecer o uso e a accesibilidade universal do transporte público en Santiago de Compostela, a comezar polas paradas de autobús que carecen delas. Ademais, defende buscar os fondos necesarios, en colaboración con outras administracións, para a posta en marcha deste programa en 2016.

Co obxectivo de favorecer o uso do transporte público colectivo de xeito universal, especialmente no rural, faise necesario ampliar e renovar as marquesiñas para contribuír a garantir o acceso a persoas maiores con dificultades de mobilidade, persoas con discapacidade física ou sensorial, ademais de contribuír a mellorar os estándares de calidade urbana, recolle o texto da iniciativa do BNG. “Con prioridade, urxe analizar as paradas de autobús sen marquesiñas para a súa inmediata instalación e completar, cun programa plurianual, a dotación de paneis informativos que comezou no centro da cidade e que ten que estenderse aos barrios”, engade.

Entre outras medidas requiridas, por exemplo, cómpre a eliminación de obstáculos entre a parada e o autobús, o uso de apoiabrazos nos asentos das marquesiñas e barras de apoio para persoas con dificultade para erguerse e sentar. A instalación dun pavimento de botóns de cor amarela á beira pode servir de guía ás persoas con problemas de visión, ademais de contar con contraste de cores pronunciado para que poida ser identificada ao lonxe e proporcionar maior acollemento. A isto hai que unir un labor de acondicionamento da zona para o equipamento e para a propia utilización como parada de autobús, co fin de que esta adaptación do mobiliario urbano ás persoas con discapacidade sexa cada vez máis accesíbel e segura para todas as usuarias, ao tempo que se facilita o seu mantemento e boa conservación.

Ademais, os paneis de información dos horarios das liñas e tempos estimados de espera para o próximo autobús poden dotarse dunha pantalla táctil, teclas en Braille e interfaz sonora. Deste xeito, proporciónase a posibilidade de maior autonomía para persoas con dificultades de visión e de xordeira. Este software poderase conectar aos móbiles para ofrecer nos propios terminais a información dispoñíbel na parada.

Os criterios para elixir o novos emprazamentos das marquesiñas axustaranse ás necesidades xurdidas e demandadas pola veciñanza de Santiago de Compostela, atendendo a motivos como o servizo ao que están destinadas (transporte colectivo, transporte escolar ou especial), número potencial de persoas usuarias atendendo á demografía e hábitos sociais de cada zona.