PLENO

O BNG demanda que se arranxe o enlousado das beirarrúas que se encontra deteriorado

Fochancas no cruceiro de San Pedro
Fochancas no cruceiro de San Pedro
A veciñanza da rúa do Valiño en San Lázaro segue preocupada porque aínda non se executou o proxecto de reurbanización que contaba con 78.000 euros
O BNG demanda que se arranxe o enlousado das beirarrúas que se encontra deteriorado

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG está a recibir queixas da veciñanza pola situación en que se encontra o enlousado de diversas zonas da cidade, que xa causou algunha caída e tropezóns ao estar mal encaixadas as pedras das beirarrúas e ser lugares de moito tránsito peonil. Así, propón realizar un plan de reparación e conservación de beirarrúas para evitar problemas de seguranza viaria e manter en bo estado estes espazos públicos.

Entre elas, pódense destacar as da rúa de San Pedro na altura do cruceiro, na rúa dos Loureiros, diante da estación de autobuses no perímetro dos edificios administrativos de San Caetano ou nas Cancelas.

Ademais, a veciñanza da rúa do Valiño en San Lázaro segue preocupada porque aínda non se executou o proxecto de reurbanización que contaba con 78.000 euros froito da negociación do BNG para incluílo nos Orzamentos municipais.

Na rúa do Valiño hai un tramo sen urbanizar que aínda carece de beirarrúa e cunha escaleira a medio construír. Os propietarios e propietarias dos edificios lindeiros fixeron fronte as súas obrigas e pagaron a súas respectivas cotas de urbanización xa no ano 1999. Froito dos acordos plenarios de novembro de 2016 e de xuño de 2017, ao fío de iniciativas do BNG, contratouse o proxecto de obra e consignouse a partida orzamentaria para executar este proxecto, mais non se chegou a realizar.

Deste xeito, o BNG trasladará dúas preguntas ao alcalde para saber cando ten previsto realizar un plan de reparación e conservación de beirarrúas co fin de evitar problemas de seguranza viaria e manter en bo estado estes espazos públicos e para coñecer o prazo da execución das obras pendentes na rúa do Valiño.

O BNG demanda que se arranxe o enlousado das beirarrúas que se encontra deteriorado