PLENO

O BNG demanda que o Goberno local cumpra o acordo de eximir os locais veciñais do pagamento de IBI, auga, luz e seguros

Resulta un agravio comparativo que uns centros teñan que asumir eses gastos e outros teñan exencións

O BNG demanda que o Goberno local cumpra o acordo de eximir os locais veciñais do pagamento de IBI, auga, luz e seguros

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, requiriralle ao Goberno local no vindeiro Pleno que cumpra o acordo para eximir o pagamento de IBI, auga, luz e seguros aos locais de asociacións que teñen titularidade veciñal, por representar un agravio comparativo coas outras.

Deste xeito, o grupo municipal do BNG trasladará, por terceira vez, esta demanda  recibida das asociacións veciñais dos centros de titularidade veciñal, o de Aríns e o de Meixonfrío. Estes dous centros seguen pagando o IBI cando o resto dos centros socioculturais de titularidade do Concello non o pagan, pese a que o Goberno local de Compostela Aberta se comprometera no Pleno a solucionarlles o problema.

Ademais, segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, estes locais teñen cedidos os espazos ao Concello de Santiago para que desenvolva alí actividades de carácter sociocultural, cando o gasto en calefacción é moi alto nos meses de inverno e resulta necesario para a programación que alí fan.