SEGURANZA VIARIA

O BNG demanda un plan integral para mellorar a seguranza viaria en Conxo

A veciñanza reclama beirarrúas, marquesiñas de bus, pasos de peóns, medidas para a pacificación do tráfico e un carril-bici

O BNG demanda un plan integral para mellorar a seguranza viaria en Conxo

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago reclama un plan integral de acondicionamento das infraestruturas básicas de Conxo en materia de mobilidade e seguranza viaria que inclúa pacificación do tráfico, un carril-bici, dotación de beirarrúas e sendas peonís que permitan desprazamentos con comodidade e sen perigo para as habitantes do barrio.

Segundo queixas da veciñanza de Conxo achegadas ao grupo municipal, este barrio sofre un abandono durante os últimos anos, con evidentes carencias que se agravan a medida que se afastan da zona do CSC Aurelio Aguirre e Campo de Conxo cara a rúa da Benéfica de Conxo, Torrente, Poza Real de Abaixo e de Arriba, Churruchao ou Ponte da Rocha, e cun deterioro aínda superior nas rúas secundarias a estas.

As actuacións acometidas nestas rúas nos últimos anos non pasaron do rebacheo das fochancas máis evidentes e deixando sen parchear as de menor tamaño, posto que nunca se procedeu a un asfaltado en condicións como era necesario.

As deficiencias son variadas e pasan por beirarrúas sen continuidade, deterioradas ou falta das mesmas nun ou en ambos os lados en tramos de centos de metros, como é o caso da zona da rúa da Ponte da Rocha até a Volta do Castro e Poza Real de Abaixo, onde os peóns teñen  que camiñar polo asfalto. Como agravante, nesta zona atópase un colexio e unha escola infantil.

Existen tamén barreiras arquitectónicas permanentes que dificultan o tránsito peonil e que no caso de persoas maiores con mobilidade reducida, con cadeira de rodas ou carriños infantís impídeselles o tránsito ou obrigan, no mellor dos casos, a ocupar o viario. Así, detallan que existen bordes sen rebaixes nas beirarrúas con alturas sen normalizar e que poden chegar aos 30cm; estreitamentos das beirarrúas, ocupación das mesmas por mobiliario urbano (marquesiñas, farolas, postes eléctricos,contedores, sinais ou maleza sen rozar); invasión das beirarrúas pola maleza que, ademais de ocultar sinalización, obriga aos peóns a ter que circular polo asfalto.

Cómpre tamén pintar pasos de peóns en lugares de cruce, pois están ausentes en varias rotondas como Poza Real de Arriba, Churruchaos e Volta do Castro, e en infinidade de cruces como o de Ponte da Rocha, a modo de exemplo.

As tapas dos sumidoiros afundidos veñen a sumarse a un deficiente estado da capa de rodadura e fochancas que no caso das rúas da Ponte da Rocha, Poza Real de Arriba e Poza Real de Abaixo son case continuas malamente rebacheadas nos últimos anos e que precisan un asfaltado continuado por tramos e en condicións.

Advirten tamén da existencia de paradas de bus urbano sen marquesiña en Ponte da Rocha ou sen beirarrúas na rúa Benéfica de Conxo; ademais de existir marquesiñas sen parada en Volta do Castro e na rúa da Ponte da Rocha.

Ante o lamentábel estado do paso inferior a vía do tren, demandan unha limpeza e un acondicionamento posto que a pintura está totalmente desconchada e a varanda metálica está rota e a punto de caer.

Ademais, a situación da Rúa Poza Real de Arriba está convertida nas horas punta nun vial de entrada a Compostela desde o Milladoiro, para evitar os atascos que se producen no viaduto da Rocha, que sufre unha forte presión de tráfico sen máis medidas de pacificación que un sinal de limitación de velocidade, dúas bandas sonoras e inexistentes pasos de peóns.

Complementan estas reivindicacións coa necesidade de modificar as infraestruturas e trazados actuais para permitir e facilitar os desprazamentos en bicicleta.