ENSINO

O BNG demanda que poden as árbores que caen sobre o tellado do centro escolar de Roxos

Reclama que o Goberno local supervise os labores de limpeza e mantemento das canles de recollida de augas pluviais nos centros de ensino
O BNG demanda que poden as árbores que caen sobre o tellado do centro escolar de Roxos

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2019.- O grupo municipal do BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local proceda a realizar os labores de mantemento de podas no CEIP de Roxos e a eliminar os niños de avespa velutina que están nas proximidades.

Desde comezos de outubro, a directiva do centro escolar de Roxos reclamoulle ao Concello, en diversas ocasións, que enviasen persoal cualificado para realizar as cortas de ramallos que están sobre o tellado das aulas de primaria. Segundo explicaron, tamén é necesario reforzar un arame de contención situado no fondo da explanada do colexio e limpar o conduto que recolle as augas pluviais, que está atascado pola cantidade de follas, e provoca a deterioración da cuberta.

Outra das queixas que trasladaron ao BNG é a proliferación de avespas velutinas que, en máis dunha ocasión, provocaron que tivesen que delimitar a zona de xogos ante o risco de picaduras e por cuestións de seguranza do alumnado. Deste xeito, demandan a localización de niños situados nas inmediacións do centro escolar e a instalación de trampas nas árbores que atraen estes insectos.

Neste sentido, o BNG reclama que o Concello atenda as peticións de podas de árbores nos centros de ensino, a comezar polo CEIP de Roxos, que leva máis dun mes con esta demanda para solucionar este problema que se agrava cos temporais de vento e chuvia desta época.