FESTAS

O BNG destaca que a programación das festas foi variada aínda que cuestiona a falta de previsión en limpeza e mobilidade

O gasto foi excesivo para non traer algunha gran actuación de renome

O BNG destaca que a programación das festas foi variada aínda que cuestiona a falta de previsión en limpeza e mobilidade

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2017.- O portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, realizou unha valoración das Festas do Apóstolo na que destacou como satisfactorio do pregón de Uxía Senlle, os espectáculos variados en función da idade e a presenza de artistas de Santiago e de Galiza; porén cuestionou a falta de coordinación e de anticipación pois o programa non estaba anunciado nin cunha semana de antelación e a falta de limpeza e escasa previsión municipal ante os problemas de mobilidade derivados da afluencia masiva.

Para o BNG cómpre tomar nota dos problemas de coordinación municipal durante as festas do Apóstolo. Por unha banda, non se anunciou o programa con suficiente antelación e o programa non estaba impreso unha semana antes. Ademais, existiron numerosos problemas de falta de aparcamento e de mobilidade, derivados da afluencia masiva e dos controis de seguridade, para o que cómpre habilitar máis zonas de estacionamento. Do mesmo xeito que é necesario reforzar a limpeza nas rúas e prazas, así como a recollida de residuos para evitar que as papeleiras queden cheas durante horas e non haxa lugares dispoñíbel para depositar lixo.

Pese a que a programación foi variada en función de gustos e idades, o gasto foi excesivo para non traer unha gran actuación de renome. Entre o positivo, destaca o pregón de Uxía Senlle, a posibilidade de asistir a concertos de balde, os xogos populares, a presenza de artistas de Santiago e de Galiza, a romaría cativa, a repetición do espectáculo de fogos que foi a iniciativa do BNG. Quedou pendente a corresponsabilización económica do sector da hostalaría.