O BNG esixe que Fomento, Concello e ADIF anulen a convocatoria de sinatura do convenio da intermodal

O BNG esixe que Fomento, Concello e ADIF anulen a convocatoria de sinatura do convenio da intermodal

O Ministerio de Fomento está dirixido por unha candidata ao Congreso e o alcalde de Santiago forma parte activa da dirección dunha coalición electoral

O convenio de referencia que non se refire sequera a prazos concretos, senón a un esbozo de proxecto, recoñeceu o propio responsábel da área

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016.- O BNG demandoulle á Xunta Electoral a anulación da convocatoria de sinatura pública do convenio da estación intermodal por parte do Concello de Santiago e do Ministerio de Fomento en plena campaña electoral, ao considerar que presenta “claros indicios dun acto electoral encuberto”, recolle o escrito.

Este os argumentos exponse que esta sinatura faise en presenza de dúas administracións públicas, resaltando que o Ministerio de Fomento está dirixido por unha candidata ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra e que o propio alcalde de Santiago forma parte activa da dirección da coalición electoral “En Marea”, que tamén presenta candidaturas nas circunscricións galegas.

A maior abundamento, a propia natureza do acordo marco, que é “servir de base para convenios concretos onde se definan xa os compromisos financeiros e administrativos por cada parte que se dilatarán nos vindeiros meses”, indican que “non existe urxencia para a súa sinatura baixo focos públicos, senón que poden efectuarse sen afectar ao servizo público a un período fóra do electoral”.

En suma, non hai xustificación da súa urxencia na mellora en función de garantir o servizo, pois é simplemente “un convenio de referencia que non se refire sequera a prazos concretos, senón a un esbozo de proxecto” que terá que ter, nas propias palabras do concelleiro responsábel da área, Jorge Duarte, “desenvolvementos futuros que mesmo haberá que seguir negociando”, polo tanto ten aínda unha concreción difusa nestas alturas e moitos dos seus aspectos aínda penden de acordos concretos entre as administracións implicadas.

Así, o BNG reclámalle á Xunta Electoral que requira ao Concello de Santiago de Compostela, ao Ministerio de Fomento e ao ente Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para que anulen e revoguen a convocatoria pública de sinatura do convenio marco da futura estación intermodal de Santiago de Compostela prevista para o 15 de xuño de 2016, “absténdose ademais de difundir actos similares de presentación pública de proxectos promovidos por administracións públicas en período electoral, procedendo no caso de non acatar dita orde da administración electoral á apertura do correspondente expediente sancionador pola infracción do artigo 50.3 da LOREX”, expón o documento rexistrado.

Para o BNG, a estación intermodal é unha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela, mais considera que este convenio pode asinarse o día seguinte do período electoral.