O BNG esixe que as obras da rotonda de Conxo corrixan a falta de protección para motoristas

O BNG esixe que as obras da rotonda de Conxo corrixan a falta de protección para motoristas

Os novos quitamedos entrañan risco de mutilación se a persoa accidentada bate contra os postes, advirten os colectivos de motoristas

Os custes de fabricación e de instalación das barreiras de seguridade serían iguais ou menores que as colocadas en Conxo

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago advirte que as obras da rotonda de Conxo non dispoñen de sistema de protección para motoristas (SPM) e demándalle ao Goberno local que esixa a corrección desta anomalía que afecta á seguridade viaria.

Os quitamedos novos con dobre barreira instalados na saída da rotonda de Conxo non dispoñen de SPM, pois calquera motorista que caia se pode coar a través deles por debaixo da barreira máis baixa e, polo tanto, hai risco de mutilación se bate contra os postes. Porén, os antigos quitamedos que están xusto enfronte, na mesma rotonda en dirección contraria, Milladoiro-Conxo, teñen este sistema de protección.

O gasto da instalación con protección sería o mesmo ou menor, pois as dúas son de dobre barreira e, polo tanto, os custes de fabricación e de colocación serían similares. Segundo lle explicaron ao grupo municipal do BNG persoas expertas de colectivos de motociclistas da comarca de Compostela, a diferenza estriba en que están as dúas barreiras unidas entre elas para evitar mutilacións e tamén na forma da barreira inferior, que sería plana con respecto á curvada do valado de enriba, isto faise para o accidentado esvare pola barreira inferior até que a propia inercia o deteña. Porén, os novos quitamedos da rotonda de Conxo teñen dúas barreiras separadas e postes nus e sen protección co potencial risco de mutilación das extremidades en caso de accidente.

Outros que se puxeron, de cor azul, están destinados a reforzar as rotondas en alto para evitar que caian os camións e os autobuses accidentados aos carrís inferiores, mais tampouco son válidos para persoas usuarias de motos. Advirten tamén que na zona das inmediacións da rotonda aínda hai quitamedos dunha soa barreira sen SPM.

Grava solta na rúa de Amio

Cómpre lembrar que o BNG trasladou unha iniciativa ao Pleno de novembro de 2015 cunha batería de medidas de escaso custe económico pero que resultan moi efectivas para diminuír os potenciais sinistros que se puidesen ocasionar en caso de accidente de moto, mais o Goberno local aínda non comezou a aplicalas. A modo de exemplo, a semana pasada na rúa de Amio e na rúa da Carballa verteuse grava sen sinalización, o que supón un risco grave para as motos que circulen pola zona.