ASOLAGAMENTOS

O BNG esíxelle ao alcalde que aplique dunha vez o plan contra asolagamentos, pois a ineficacia do seu Goberno causa problemas de seguranza viaria cada vez que chove

Auga acumulada nun lombo
Auga acumulada nun lombo

Lombos, rotondas e fochancas provocan pozas e salpicaduras de auga pola falta de mantemento básico municipal da rede viaria

O BNG esíxelle ao alcalde que aplique dunha vez o plan contra asolagamentos, pois a ineficacia do seu Goberno causa problemas de seguranza viaria cada vez que chove

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG esíxelle ao alcalde Martiño Noriega que adopte medidas de urxencia para drenar a auga de chuvia acumulada nos lombos, rotondas, fochancas e beiras das estradas que causan problemas de seguranza viaria.

As queixas recibidas polo BNG nas últimas semanas sinalan puntos como as pozas que se forman nos lombos do campus sur, diante do instituto Xelmírez, da avenida Xoán XXIII, na rotonda das Fontiñas a carón do Instituto Galego de Consumo, en Pelamios, no campus norte, no Polígono do Tambre e na avenida de Lugo.

Todas elas coinciden nos problemas que provocan de seguranza viaria, salpicaduras que impiden a visibilidade, molladuras ás persoas que van polas beirarrúas e mesmo casos de aquaplaning, co risco de ocasionar accidentes pola falta de mantemento básico municipal da rede viaria.

Cómpre lembrar que o BNG xa reclamou a implementación do plan contra os asolagamentos en reiteradas ocasións, ademais de ser un dos puntos incluídos na negociación para aprobar os Orzamentos municipais de 2017 e supón un incumprimento máis dos compromisos adquiridos polo Goberno de Compostela Aberta.