SANIDADE

O BNG fai un chamamento a participar este mércores na manifestación en defensa da sanidade pública

Goretti Sanmartín sinala que os recortes continuados de persoal e de recursos no sistema sanitario galego provocan colapsos en Urxencias

 

 

 

O BNG fai un chamamento a participar este mércores na manifestación en defensa da sanidade pública

Reclamou tamén “que se dote Santiago do centro de saúde de atención primaria en Conxo, que estaba planificado, para poder sumarse a atender as 130.000 persoas asignadas á área de saúde de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, trasladou a preocupación pola situación no ámbito sanitario, de maneira especial no servizo de Urxencias, no PAC e no CHUS, ademais de mostrar a solidariedade co persoal e coas asociacións de pacientes e persoas usuarias do CHUS por todo o que significa a falta de persoal e de recursos. Deste xeito, fixo un chamamento a participar na manifestación de mañá mércores ás 19:00 da praza Roxa para defender melloras na sanidade pública.

Esta situación, segundo explicou, conduciu a dous meses de folga indefinida no persoal de Urxencias do CHUS “pola precariedade laboral e as condicións indignas” motivadas polos “recortes orzamentarios que fan que moitas veces non poidan afrontar todo o que deberían, o que repercute na saúde das persoas, porque ese dereito a recibirmos unha atención médica de xeito urxente non se cumpre”.

“Desde o BNG, entendemos que os problemas do PAC e do CHUS teñen a orixe na falta de persoal e de recursos nos centros de saúde”, explicou. “Cando as persoas piden cita no centro de saúde e lle dan para 6 ou 7 días máis tarde, non pode agardar ese tempo por unha doenza e acoden ao PAC ou a Urxencias”, dixo. Deste xeito, houbo problemas gravísimos a comezos de ano, que recoñece a propia Xerencia, de verse desbordados e da imposibilidade de garantir unha atención personalizada e digna a 80 persoas que poden recibir en dúas horas.

Por parte da Asociación de Persoas Usuarias do CHUS, denunciaron que o día 2 de xaneiro houbo dous pacientes en parada cardíaca no corredor de acceso, agardando alí durante tempo; un paciente cun infarto no corredor que acabou sufrindo unha arritmia; xente con hipotensión que levaba máis de 30 minutos alí, “entre outros exemplos de maltrato asistencial cando temos un dos sistemas con mellores condicións para a atención primaria”, mais as políticas do PP na Xunta levan “a unha situación de abandono total e de descapitalización e fan que mingüe a súa calidade, eficiencia e calidade”.

Deste xeito, Goretti Sanmartín fixo un chamamento a participar na manifestación que sairá mañá mércores ás 19:00 horas da praza Roxa para ter dereito a unha atención sanitaria digna, porque “pola falta de persoal atrásanse as consultas, as probas diagnósticas, as intervencións cirúrxicas e chegamos a situacións de colapso cun debilitamento continuo da atención primaria”.

Coa eliminación das xerencias de atención primaria non se poden desenvolver políticas de prevención e rehabilitación, pois tampouco hai recursos para mudar hábitos de vida, evitar riscos laborais e ambientais, mellorar condicións de vida ou de pobreza porque non existen protocolos para eses pacientes que precisan asistencia mentres permanecen nas unidades, sinalou. Con estes recortes orzamentarios do PP favorécese a privatización e o negocio de empresas en detrimento da sanidade pública, engadiu.

Reclamou tamén “que se dote Santiago do centro de saúde de atención primaria en Conxo, que estaba planificado, para poder sumarse a atender as 130.000 persoas asignadas á área de saúde de Compostela”. “A Xunta ten que cumprir, pois había un acordo para crear este centro de saúde en Conxo”, subliñou.