CULTURA

O BNG fará unha interpelación no Pleno polas axudas culturais que limitan a programación

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Non incluír o pagamento anticipado de gasto do 70% que reclama o sector e que foi aprobado no Pleno de maio
O BNG fará unha interpelación no Pleno polas axudas culturais que limitan a programación

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020.- O BNG realizará unha interpelación no Pleno do 25 de xuño ante a inexistencia do Plan de Reactivación Cultural para fortalecer este sector e afrontar as consecuencias da pandemia do coronavirus, ademais de cuestionar a convocatoria de axudas que limitan a programación.

Deste xeito, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, rexistrou unha listaxe de preguntas sobre a falta de presentación do suposto plan cultural anunciado polo alcalde o 24 de abril e pola concelleira de Acción Cultural o 5 de maio e que ía incluír as propostas dos grupos municipais.

Lembrou tamén que no Pleno de 28 de maio de 2020 se aprobou o Plan de Revitalización Cultural a iniciativa do BNG cos votos a favor de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE con medidas por 1,5 millóns de euros de cara a reorientar a programación e adaptala a pequenos formatos para que nos meses de xullo, agosto e setembro Santiago se poida fortalecer este sector para afrontar as consecuencias da pandemia do coronavirus. “O contido deste plan que foi consensuado co sector aínda non se puxo en marcha e na convocatoria de axudas obviáronse moitas das propostas que contén para contribuír a superar a crise derivada do peche da actividade”, explicou.

O BNG pregunta por que non se incrementaron as partidas destinadas a axudas ao sector profesional e asociacións culturais pese ao apoio que requiren das administracións para paliar a situación de crise derivada da pandemia. Quere coñecer tamén cal é o motivo de non incluír o pagamento anticipado de gasto do 70% nas convocatorias de subvencións a actividades culturais do sector profesional 2020 e para asociacións culturais 2020, como se aprobou no Pleno de maio de 2020.

Outra das preguntas que trasladaron profesionais é para saber cal é o motivo de que as actividades subvencionadas se teñan que desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro e de que a xustificación do gasto non se poida realizar máis alá do 30 de outubro, pois esas datas limitan a programación.

Ademais, Goretti Sanmartín preguntará cando ten previsto pór en marcha outras das propostas aprobadas no Pleno de maio 2020 como a creación dun bono cultural encamiñado a estimular o consumo cultural; unha campaña de captación de públicos e promoción da cultura local e galega; a organización de roteiros literarios, artísticos e polo patrimonio; un plan de difusión do legado Maside que se encontra no Pazo de Bendaña; e un plan de difusión de Carvalho Calero e do Grupo Nós.

O BNG fará unha interpelación no Pleno polas axudas culturais que limitan a programación