ELECCIÓNS

O BNG é garantía de que haxa un cambio de modelo en Santiago de Compostela, afirma Goretti Sanmartín

Goretti
Goretti na rolda de prensa

“Neste escenario sen maiorías absolutas e onde non vai haber goberno de dereita, somos a garantía de que haxa políticas transformadoras, de esquerda e galeguizadoras”

O BNG é garantía de que haxa un cambio de modelo en Santiago de Compostela, afirma Goretti Sanmartín

"O BNG trae un proxecto novo, ilusionante, cun equipo sólido e coherente que quere transformar Santiago coa participación como un dos elementos centrais”

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.- “O BNG é garantía de que haxa un cambio de modelo en Santiago de Compostela, cun goberno que faga políticas transformadoras, galeguizadoras, de esquerda e que consiga levar adiante un proxecto de cidade ambicioso cun modelo para os próximos 10 anos”, afirmou Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago.

“Nestes últimos momentos queremos dirixirnos ás persoas indecisas, que dubidan a quen votar e por qué, e poñerlles enriba da mesa que poden escoller, desde a nosa perspectiva, ou ben por tres alcaldes xa coñecidos con proxectos que pertencen a un pasado e poden valorar ou ben por un proxecto novo, ilusionante, cun equipo sólido e coherente que quere transformar Santiago contando coa participación como un dos elementos centrais da súa campaña”, sinalou en rolda de prensa.

“Entendemos, ademais, que os posíbeis pactos e o que vai acontecer despois do 26 de maio é unha preocupación dunha parte do electorado”, dixo. Neste sentido, manifestou que o BNG sempre foi unha organización “que levou o diálogo, a posibilidade de pactar e de acordar no seu ADN, que xa o demostramos e estamos orgullosas de cando estivemos gobernando en Santiago de Compostela”. Puxo como exemplos cando se conseguiu democratizar algúns dos órganos existentes como o Auditorio para que tivesen representación do conxunto das forzas políticas, así como as políticas de participación veciñal impulsadas polo BNG. Destacou ademais a participación do BNG no Goberno da Xunta “desde onde se fixeron as últimas vivendas de protección pública e centros de día cunha política moi diferente á dos últimos tempos con Santiago de Compostela” ou nos últimos tempos, tamén co BNG na vicepresidencia da Deputación da Coruña, cun Plan Único cun modelo que rompeu co sistema clientelar da subvención nominativa, fronte a unha distribución de fondos de 24,5 millóns de euros de antes aos 100 millóns da actualidade con plena autonomía para os concellos. Ademais de conseguir desde a Deputación que volvese ao público o servizo de bombeiros, sinalou.

“Neste escenario sen maiorías absolutas e onde non vai haber goberno de dereita, somos a garantía de que haxa políticas transformadoras, de esquerda e galeguizadoras”, destacou a candidata, “o día 26 non escollemos quen se vai sentar na Alcaldía, escollemos as políticas que se van desenvolver nos próximos 4 anos”.

“A proposta de Xosé Sánchez Bugallo pode escorar un pouco máis para a dereita ou a proposta de Martiño Noriega pode escorar a unha xestión ineficaz con referentes de fóra do país e, fronte a iso, no BNG somos esa garantía de que as políticas resultantes que se fagan partan de que aquí se precisa un modelo verdadeiramente transformador como é o do BNG, cun cambio radical para que sexan concellos máis felices, habitábeis e que cambie o sentido do urbanismo e da mobilidade”, afirmou.

O BNG preséntase para gobernar en Santiago “con toda a enerxía, ilusión e a forza”; mais non se pode gobernar como se fixo nos últimos tempos “coa soberbia de ter a maioría absoluta e pensar que con iso se pode facer o que se queira, é evidente que iso non dá resultado; mais tampouco se poden utilizar eses gobernos egocentristas en minoría sen contar co resto dos grupos e sen contar coa participación da xente”, por iso desde o BNG poñen de relevo facer consultas populares sobre a taxa turística, recuperar os consellos de participación cidadá e facer unha modificación total do sistema de mobilidade.

Nesta recta final de campaña, O BNG vai realizar distribución masiva de folletos e estar en diálogo constante coas persoas, pola rúa e nos distintos barrios, en horario de mañá e de tarde, “ademais dos mitins programados nas Fontiñas este martes e en Conxo este xoves imos rematar cunha festa no barrio de Sar á que convidamos a participar”.

O BNG é garantía de que haxa un cambio de modelo en Santiago de Compostela, afirma Goretti Sanmartín